A Feira do Viño de Amandi e a Festa da Filloa de Muimenta selan o seu irmandamento en Rosende

TerraChaXa | RibeiraSacraXa
O acordo busca acadar unha maior difusión e repercusión de ambos eventos, declaradas Festas de Interese Turístico de Galicia, nas zonas nas que son menos coñecidos
irmandamento-amandi-muimenta
11 Mar 2026

A Escola de Hostalería de Rosende acolleu este mércores o acto de irmandamento entre a Feira do Viño de Amandi e a Festa da Filloa de Muimenta, dúas celebracións declaradas Festas de Interese Turístico de Galicia que se celebrarán, respectivamente, os días 27, 28 e 29 de marzo en Sober e o 1 de maio en Muimenta.

O acordo busca acadar unha maior difusión e repercusión de ambos eventos, xa consolidados na provincia de Lugo. No acto de irmandamento participaron dúas filloeiras de Muimenta e persoal da Escola de Hostalería de Rosende, que estiveron acompañados polo alcalde de Sober, Luis Fernández Guitián, e o presidente da Asociación de Empresarios de Muimenta, José Manuel Rus. Ambos puxeron en valor esta nova liña de colaboración que vai permitir “relanzar estes dous eventos en zonas nas que son menos coñecidos”.

Durante o acto, as filloas de Muimenta, caracterizadas por ter forma cadrada e ser salgadas, tiveron a ocasión de maridar cos viños de Amandi. As filloeiras, xunto co alumnado da Escola de Hostalería de Rosende, prepararon tres propostas para amosar o excelente resultado da combinación de ambos produtos: unha filloa rechea de pera ao viño de Amandi, outra con mousse de chantillí e brownie de chocolate e, por último, un saquiño de filloa con arroz con leite.

0.11686587333679