A feira Artesanía de Galicia volve a Sober o sábado 20 de agosto
Obradoiros gratuítos e máis de 15 expositores diferentes con pezas de artesanía galega, volven ao municipio de Sober neste mes de agosto con motivo da feira de Artesanía de Galicia.
Entre os talleres abertos a tódolos públicos atópanse o de iniciación á olería de Gundivós, o de remate de xoguetes de madeira ou o de iniciación ao torno cerámico.
No primeiro deles, os asistentes coñecerán as técnicas empregadas para a elaboración de pezas de barro tradicionais de Gundivós mediante o uso do torno, da man do obradoiro Figulus Olaría Tradicional da Ribeira Sacra. Será impartido por Tomás López, de Gundivós, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas
O obradoiro de remate de xoguetes de madeira levarase a cabo por Artesanía Silvent e ensinará aos participantes as principais técnicas para rematar xogos e xoguetes de madeira que eles elaboran no seu obradoiro. O debuxo é unha ferramenta de expresión tanto real como do imaxinario, e todos e todas podemos utilizala. Aprenderanse os pasos que dar para comezar a adestrar o noso ollo e a man para poñelos ao servizo da nosa creatividade.
Será impartido por Guillermo Silvent, de Caldas de Reis, de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.
E no obradoiro de iniciación ao torno cerámico os asistentes elaborarán pezas de barro mediante as técnicas da olería tradicional galega. Completarase coa posta en coñecemento das principais características das pezas máis representativas da nosa olería. Será impartido pola Asociación Galega da Cerámica e outras Artesanías A Escola, de Gondomar, en horario de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas.