A Federación Veciñal Lucus Augusti reclama medidas urxentes para garantir a cobertura sanitaria na zona sur

SarriaXa | RibeiraSacraXa
Denuncian a falta de reposición de médicos durante os períodos vacacionais e o incremento das listas de espera, tanto en atención primaria como no Hospital de Monforte
hospital-monforte
3 Sep 2025

A Federación de Asociacións de Veciños de Lugo Lucus Augusti denuncia a “grave situación” que atravesa a sanidade pública na comarca do sur de Lugo, tras un estudo realizado a través das asociacións veciñais federadas da área sanitaria da zona sur de Concellos como Sarria, Monforte de Lemos, O Incio, A Pobra do Brollón, Chantada, O Saviñao e Quiroga, entre outros.

Exixen á Consellería de Sanidade que implemente “medidas urxentes para poñer fin a problemas que se repiten verán tras verán”, entre os que mencionan a falta de reposición de médicos durante os períodos vacacionais e o incremento das listas de espera, tanto en atención primaria como no Hospital de Monforte.

Dende a Federación advirten que nos últimos meses foron numerosos os retrasos de semanas en consultas básicas, ademais de aprazamentos reiterados en probas diagnósticas e intervencións cirúrxicas. Unha situación que se agrava co peche temporal de consultas médicas en varios centros de saúde pola ausencia de substitucións.

Por iso, exixen á Xunta que garanta a cobertura inmediata de todas as prazas médicas afectadas por vacacións ou baixas, así como un plan extraordinario de reforzo de plantillas nos centros de saúde e no Hospital de Monforte e a posta en marcha dun plan real e transparente de redución de listas de espera, con prazos e recursos definidos.

“Os veciños da área sanitaria do sur de Lugo non aceptamos ser tratados como cidadáns de segunda”, sinalan dende a Federación, que consideran que a falta de médicos e os retrasos na atención son “un ataque directo ao dereito fundamental á saúde”.

Ademais, ameazan con impulsar novas protestas e mobilizacións se a Xunta non atende as súas demandas.

⚙ Configurar cookies
0.12300300598145