A Federación de Comercio e Abanca firman un convenio para impulsar os negocios locais

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Inclúe novos produtos pensados para facer fronte ás necesidades do día a día e aos investimentos do colectivo
firma-convenio-abanca-comercio
27 Mar 2026

Federación Galega de Comercio (FGC) e Abanca dan un novo impulso ao seu traballo común tras renovar o convenio financeiro de colaboración que manteñen ambas as entidades. Esta histórica alianza avanza para afrontar os retos do sector e dar respostas directas aos comercios de proximidade de Galicia. O novo texto preséntase como unha solución integral para potenciar a competitividade dos negocios locais a través dunha ampla gama de produtos e servizos especificamente deseñados.

A firma do convenio produciuse na sede de Abanca en Lugo e participaron a directora territorial de Abanca en Lugo, Zaira Dapena, e o presidente da FGC, José María Seijas. Tras a renovación, ambos os representantes mantiveron unha reunión de traballo centrada en coñecer as preocupacións do sector, avaliar a conxuntura dos negocios no arranque do ano e anticiparse aos retos dos próximos anos. As dúas entidades manteñen unha liña de comunicación aberta, que permite desenvolver respostas a medida con axilidade e colaborar en campañas promocionais.

Tras a rúbrica, Zaira Dapena puxo en valor “a experiencia da unidade especializada en Negocios de Abanca, que conta con xestores altamente formados nas necesidades do colectivo e un amplo catálogo de produtos e servizos a medida”. Pola súa banda, José María Seijas quixo destacar “a importancia desta colaboración xa histórica, que supón grandes e necesarias vantaxes para os nosos asociados e o apoio permanente para a realización de actuacións que favorecen a competitividade e dinamización do sector comercial galego”.

Máis opcións, máis adaptadas

Grazas a este novo texto, a FGC e o banco amplían o seu compromiso co sector a través dunha ampla gama de produtos e servizos creados a medida para o colectivo. Esta resposta chega nun contexto especialmente complexo pola situación xeopolítica internacional, que está a impactar indubidablemente nas estruturas de custos de moitas empresas.

Isto tradúcese en novas solucións onde o crédito gaña peso a través dos préstamos privados e hipotecarios, as liñas de crédito, os anticipos de subvencións, os aprazamentos de pagos de impostos, o leasing mobiliario, os avais ou as liñas de desconto comercial. O novo acordo dá cabida tamén aos dispositivos TPV, tanto físicos como virtuais, que contan con distintas opcións para adaptarse a cada negocio e simplificar as cobranzas dos comercios sen renunciar á axilidade e a seguridade.

O último dos puntos do novo texto rubricado esta mañá debulla o plan “Abanca Emprendedores e Profesionais”, o primeiro plan de emprego simplificado (PPES) dirixido a persoas traballadoras autónomas. Trátase dunha solución sinxela e flexible, creada para complementar a xubilación do colectivo, que permite xerar un maior aforro que os plans de pensións individuais.

Federación Galega de Comercio e Abanca dan un paso máis na súa estreita colaboración e traballan xa nunha nova edición dos “Días Azuis do Comercio Galego”. Grazas a esta campaña, que retorna con forza esta primavera e da que moi pronto se coñecerán máis detalles, as dúas entidades buscan dinamizar as vendas nos comercios de proximidade distribuídos por toda a comunidade. Como é habitual, os sorteos de importantes agasallos servirán para incentivar as compras nos comercios adheridos e reforzar así o consumo de proximidade.

0.12289309501648