A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra pide un referendo sobre a candidatura a Patrimonio da Humanidade pola xestión dos incendios

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Critican o “abandono institucional” e insisten en que a Ribeira Sacra “non precisa máis titulares”, senón “políticas valentes, ordenación do territorio, prevención contra os lumes, apoio real ao sector agrogandeiro e vitivinícola, e servizos públicos dignos”
incendios-ourense-vilardevos
Incendio en Vilardevós
16 Aug 2025

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra fixo público un comunicado no que manifesta a súa “fonda indignación” ante a vaga de incendios que afecta a Galicia e que, segundo denuncian, golpea con especial dureza o xeodestino Ribeira Sacra, así como o Macizo Central e a Serra de Queixa.

“As lapas non son só lume: son o reflexo do abandono institucional crónico e do desleixo da Xunta cara ás nosas xentes, aldeas e paisaxes”, aseguran.

A entidade cualifica de “intolerable” que, nestas circunstancias, o Goberno galego continúe impulsando a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade. Consideran que, tal e como se está a xestionar, a iniciativa “non é máis que un negocio turístico e político sen raíces nin compromisos reais co territorio”.

Tamén critican a falta de avances na crise do sector vitivinícola da zona, a poucos días do inicio da vendima. “A Xunta, lonxe de actuar con responsabilidade, segue sen elaborar o necesario estudo de custos de produción que evite vendas a perdas e protexa o traballo dos viticultores”, subliñan.

No comunicado engaden que o abandono institucional “non só se mide en hectáreas queimadas”, senón tamén “nos proxectos extractivistas e de espolio do territorio” ou “nos cada vez máis cativos servizos públicos, a comezar polos recortes na sanidade e no ensino”.

Ante esta situación, a Federación propón que se convoque un referendo en todos os concellos da marca territorial para decidir sobre a candidatura. “Propoñemos que se convoque un referendo en todos os concellos da marca territorial para decidir se queremos realmente esta candidatura, que hoxe se nos presenta como unha postal turística baleira, ou se preferimos empregar ese mesmo referendo para dar unha labazada cívica ao abandono institucional e ao desastre de xestión da Xunta e de moitos concellos”.

A organización conclúe que a Ribeira Sacra “non precisa máis titulares”, senón “políticas valentes, ordenación do territorio, prevención contra os lumes, apoio real ao sector agrogandeiro e vitivinícola, e servizos públicos dignos”.

⚙ Configurar cookies
0.72833204269409