A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra renova a súa directiva

RibeiraSacraXa
Durante a asemblea celebrada esta fin de semana tamén se aprobaron as liñas de traballo para 2025-2026
reunion-fears
23 Jun 2025

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) celebrou esta fin de semana no Círculo Recreativo Cultural de Chantada (Casino) a súa VII asemblea xeral, unha xornada na que se aprobaron as contas do exercicio 2024, se renovou a xunta directiva e se abordaron as principais ameazas que afectan ao territorio.

Na actualidade, a FEARS agrupa a 60 entidades, aínda que, segundo recoñeceron desde a propia federación, “cunha participación moi desigual que reflicte tamén o momento delicado que viven moitas asociacións, con falta de relevo xeracional e limitacións pola crecente burocracia”.

Durante a asemblea, presentouse e debateuse o informe de xestión de 2024. “Fixemos balance do traballo realizado, analizando cada un dos aspectos que deben ser mellorados na Ribeira Sacra, con propostas axeitadas tanto para a poboación local como para o propio territorio”, sinalaron desde a entidade. Nese sentido, alertaron sobre “a perda irreversíbel e acelerada do patrimonio natural e cultural”.

Un dos puntos que xerou maior consenso entre as asociacións foi a visión crítica sobre a candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio Mundial. “Está na súa recta final, pero configurouse politicamente en Madrid e Santiago, de costas aos habitantes do territorio e sen acompañamento no desenvolvemento de infraestruturas e servizos públicos”, lamentaron. “Queremos que as asociacións e o tecido social poidan ser partícipes dun proceso que vai modificar radicalmente o noso territorio e xeito de vida —non precisamente para ben en moitos aspectos—”, subliñaron.

No plano organizativo, aprobouse por unanimidade a ampliación da xunta directiva ata os 10 membros, con cinco novas incorporacións. A nova dirección queda formada por seis mulleres e catro homes, representantes de sete asociacións da provincia de Lugo e catro de Ourense. Tamén se definiron as liñas de traballo para o período 2025–2026.

No capítulo final da asemblea abordáronse proxectos que a FEARS considera “ameazas inminentes”, como os parques eólicos Agratina e Agromaces, nos concellos de Chantada e Carballedo, así como a planta de biogás prevista en Vilaesteva, no Saviñao. A federación manifestou o seu “rexeitamento a proxectos de enclave que nos tratan como territorio de sacrificio, expulsando á poboación e degradando a paisaxe”.

⚙ Configurar cookies
0.13942813873291