A FEARS rexeita a instalación dunha planta de biogás no Saviñao

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) rexeita a instalación de plantas de biogás na Ribeira Sacra e, concretamente, o proxecto que pretende instalar unha en Vilaesteva, no Concello do Saviñao.
Desde a FEARS advirten de que O Saviñao “é un territorio integramente rural, con características propias desenvolvidas ao longo de moitas xeracións e cuns recursos que debemos conservar: a viticultura, a gandería, a apicultura e, nos últimos anos, as oliveiras e a agricultura ecolóxica”.
Por iso, sinalan que “estamos nun momento no que se abren novos sectores produtivos. A aparición do turismo e o atractivo do territorio da Ribeira Sacra baséanse nos valores do patrimonio, a paisaxe e a natureza”, pero advirten de que “transformar o noso rural nun territorio industrial contaminante é, cando menos, contradictorio e perigoso, e pode traer consecuencias nefastas para o futuro da nosa comunidade”.
Con todo, din que o máis grave son “os inconvenientes que esta instalación lle vai causar á poboación, polo que cómpre que o goberno municipal rexeite a implantación desta ameaza ao noso territorio, como xa fixeron os representantes doutros concellos”.
“As ganderías da nosa contorna usan o seu propio xurro e non hai de momento unha carga de granxas sen terra que xustifique plantas de tratamento. Se a Xunta quere lavar a súa imaxe polo abandono na xestión da auga diante de Europa, que faga as plantas de tratamento para lodos das depuradoras nas cidades, se é que son tan inocuas como defenden. Porén, unha vez máis, decídese cargarlle o morto ao rural”.
Desde a FEARS consideran que, debido á orixe industrial dos residuos, “é máis que probable que conteñan metais pesados, o que supón un grave risco para as augas da zona afectada e para as cadeas tróficas animais. Ademais, xeraríanse CO₂ e metano, gases tóxicos para un entorno habitado. A produción de metano provoca riscos de accidentes na planta, como explosións ou incendios”.
Ademais, sinalan que “o transporte e o almacenamento dos residuos producirían molestos cheiros. Se non nos afacemos ao fedor dos xurros, que dura dous ou tres días, é difícil imaxinar como poderemos aturar a presenza diaria e constante que provocaría unha planta como a prevista”.
Neste senso, destacan que “débese ter en conta que a instalación estaría próxima a un territorio densamente poboado, que comprende distintos lugares das parroquias de Vilaesteva, Segán, San Vitorio e Chave, e que a 1,6 quilómetros está Currelos, o segundo núcleo de poboación do concello, onde hai centro de saúde e colexio”.
Por outra banda, advirten de que “os residuos resultantes verteríanse a un cauce fluvial, o que conlevaría a súa contaminación e a das augas soterradas que afloran nas fontes e mananciais. Os residuos irían ao rego de Sanxumil, e deste ao Riazón, afluente do Sardiñeira, que, ademais de ser a principal fonte de auga potábel de Escairón, desemboca no Miño e aumentaría o problema da eutrofización do encoro dos Peares”.
Así mesmo, “o continuo tránsito de camións volquete e de cisternas polas estradas, estreitas e non adaptadas a estes vehículos, suporía unha molestia na circulación e incrementaría o risco de accidentes de tráfico”, alertan.
Para a FEARS, a planta de biogás afectaría á vida cotiá da veciñanza e condicionaría o futuro da poboación do Saviñao, “sendo incompatible cunha suposta nominación a Patrimonio da Humanidade, que esixe preservar a paisaxe, o medio ambiente e o patrimonio”.