A FEARS celebrará a súa asemblea este sábado en Chantada

A Federación de Asociacións da Ribeira Sacra (FEARS) celebrará este sábado, 21 de xuño, unha nova asemblea no Círculo Recreativo Cultural de Chantada, a partir das 11:00 horas. Trátase dunha cita clave para consolidar o traballo desenvolvido desde a súa fundación en 2022 e avanzar na súa misión de construír unha voz propia e colectiva para a Ribeira Sacra, fronte aos relatos externos que, segundo a Federación, non representan a realidade do territorio.
Na orde do día destaca a renovación da Xunta Directiva, na que continuarán cinco persoas da anterior equipa, asumindo novas responsabilidades, e se integrarán novos membros, o que permitirá ampliar a representatividade territorial da entidade. Ademais, presentarase unha memoria de actividades da Xunta saínte correspondente ao ano 2024, así como o balance económico do mesmo exercicio.
FEARS salienta a consolidación do seu proxecto nun contexto marcado pola debilidade do tecido asociativo e a escasa presenza de relevo xeracional en moitas das asociacións do territorio. Aínda así, a Federación tamén sinala que están xurdindo novas entidades que se achegan a ela como referente para iniciar a súa actividade.
A Federación considera que, malia os avances acadados, cómpre continuar traballando en diversas liñas estratéxicas pendentes. Entre elas, destacan a defensa do sector agrario –especialmente da viticultura e gandaría familiares– fronte a modelos centrados exclusivamente no turismo; a mellora da comunicación interna e externa mediante a creación dunha web ou revista; a creación dun banco de recursos e formación; a denuncia da contaminación das augas; e a denuncia do estado de abandono de diversos bens patrimoniais da Ribeira Sacra, como o mosteiro de San Salvador de Asma, os dolmens do Saviñao, o pazo de Suatorre ou o mosteiro de San Paio de Abeleda, entre outros.
Outros temas prioritarios serán a reivindicación dun Plan de Emerxencias para a zona, unha mellor cobertura sanitaria, incluíndo a saúde mental, e a oposición a macroproxectos eólicos como os parques de Agratina e Agromaces, previstos nos concellos de Chantada e Carballedo, que FEARS considera espoliadores do territorio.
A asemblea tamén servirá para recoller propostas das entidades federadas de cara ao bienio 2025-2026. Por último, reiterarán a súa postura crítica fronte ao proceso de declaración da Ribeira Sacra como Patrimonio da Humanidade, ao considerar que este modelo de turismo e territorio asociado á candidatura provocaría desequilibrios sociais e territoriais, colapsaría infraestruturas e deterioraría a paisaxe. "Non se pode facer unha marca territorial pensando só nos cartos e desde o clientelismo e o caciquismo", conclúe a Federación.