A Fapacel reclama melloras nos comedores escolares da provincia de Lugo

O pasado 25 de marzo, representantes da Federación Provincial de ANPAS de Centros Públicos de Lugo (Fapacel) reuníronse co Xefe de Servizo de Comedores Escolares do Departamento Territorial da Consellería de Educación, Ciencia, Universidade e Formación Profesional de Lugo.
Durante a xuntanza, a Fapacel trasladoulle ao responsable de comedores unha serie de queixas recollidas das ANPAS en relación ao funcionamento deste servizo, instando á súa pronta resolución. Entre as principais demandas expostas destacaron a insuficiencia do orzamento destinado aos comedores escolares, a falta de información facilitada ás familias sobre os menús e a necesidade de regularizar a situación do persoal voluntario colaborador. Tamén se reclamou a aprobación e cumprimento de protocolos de comedor en todos os centros, así como a adaptación dos menús ás necesidades específicas do alumnado, prestando especial atención ás intolerancias e alerxias alimentarias. Do mesmo xeito, solicitouse que as quendas de comedor teñan unha duración axeitada.
Ademais, a Fapacel insistiu no valor pedagóxico que debe ter o comedor escolar, defendendo que se converta nun servizo universal e gratuíto ao que poida acceder todo o alumnado. Tamén fixeron fincapé na importancia de que os produtos empregados sexan de proximidade, asegurando así unha maior calidade e contribuíndo ao desenvolvemento da economía local.
O responsable de comedores recolleu as reivindicacións e manifestou a súa vontade de traballar na busca de solucións, comprometéndose a manter á Fapacel informada sobre os avances neste proceso.
A Federación comprométese a seguir atenta e insistindo na necesidade dun servizo de comedor de calidade, de xestión directa e gratuíto para todo o alumnado do ensino público da provincia de Lugo.