A fábrica de Kerm Pharma instalarase en Monforte como proxecto prioritario
José Luis Diaz-Varela Somoza, presidente de Kerm Pharma visitou Monforte xunto coa súa familia e tivo varios encontros co alcalde, José Tomé, que o convidou a visitar os monumentos da cidade e algunha bodega xunto cos viñedos.
Nas conversas que mantiveron, analizaron o cronograma das obras para implantar a fábrica de medicamentos de Kerm Pharma na súa primeira fase e empezar xa coas actuacións que se levarán a cabo en breve en Monforte.
Así, Kerm Pharma solicitou xa a licenza de obra de forma telemática o pasado día 28 de febreiro e o 3 de marzo solicitou o permiso por rexistro electrónico á Deputación Provincial de Lugo, dado que a futura fábrica de medicamentos linda coa estrada provincial de Monforte a Sober por Neiras, que é a via principal do Polígono e debe de contar con informe favorable preceptivo da Deputación.
Este proxecto tanto na Deputación como no Concello vai ter a consideración de proxecto prioritario, o que lle permitirá ó Concello de Monforte concederlle a licenza dentro do presente mes de marzo en Xunta de Goberno.
Posta en marcha
Aínda que os datos concretos do proxecto serán facilitados pola empresa, tal e como procura facer o alcalde con todos os proxectos empresariais, o comezo das actuacións será durante a presente primavera das que dará conta D. Raúl Díaz-Varela, vicepresidente executivo do grupo Indukern e presidente de Kerm Pharma no transcurso dunha visita a Monforte que se producirá a finais de marzo ou principios de abril.
O proxecto de Kerm Pharma está concibido para fabricar en catro áreas produtivas de medicamentos diferentes cando o proxecto estea completo, cun investimento de máis de 60.000.000 euros e arredor de 100 postos de traballo.
Nesta primeira fase a licenza foi solicitada para un investimento de 31.193.572 euros e unha creación de entorno aos 50 empregos.
A implantación de Kerm Pharma en Monforte, laboratorio líder na produción de medicamentos, supón un impulso económico e social para a cidade de importancia capital.