A exposición 'Nós tamén fomos migrantes' da Axencia EFE estará exposta en Monforte

RibeiraSacraXa
O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de asinar con Abanca e A Fundación Galicia Obra Social, un convenio de colaboración grazas ao cal a cidade de Monforte acollerá a exposición 'Nós tamén fomos emigrantes.
Alcalde Monforte con ABANCA exposición
26 Apr 2024

O alcalde de Monforte, José Tomé Roca, vén de asinar con Abanca e A Fundación Galicia Obra Social, un convenio de colaboración grazas ao cal a cidade de Monforte acollerá a exposición 'Nós tamén fomos emigrantes. Fotografías da Axencia EFE sobre a emigración española no s. XX'.

Trátase dunha mostra expositiva que recolle a historia da emigración galega en imaxes, feitas por fotoxornalistas da Axencia EFE ó longo do século XX, dende a década de 1910.

Na sinatura deste convenio de colaboración, ademais do alcalde, participaron o coordinador de Negocio Institucional en Lugo de Abanca, Óscar Rodríguez, a coordinadora institucional para Lugo e Ourense da Fundación Galicia Obra Social, Beatriz Fernández-Anguiano, así como a coordinadora del Espazo +60 Afundación de Monforte de Lemos, Carlota Álvarez. Ademais, tamén estiveron presentes o secretario do Concello, José Antonio Mourelle, e o concelleiro de Servizos, José Luis Losada.

O Concello de Monforte de Lemos e ABANCA, veñen desenvolvendo unha intensa labor de colaboración no ámbito sociocultural, coa organización de diversas exposicións de gran interese para a cidadanía, e que ubican no Espazo +60 que Afundación ten na rúa Cardeal, nº 18, de Monforte.

Así, este espazo expositivo acollerá entre o 29 de abril e o 20 de maio esta exposición sobre a emigración galega, formada por unhas 40 fotografías, que se poderá visitar en horario de 11.30 a 13.30 e de 16.00 a 20.00 horas.

O Concello de Monforte participará activamente nos actos de inauguración da exposición, levando a cabo ademais accións de difusión da mesma nas súas canles de comunicación. Do mesmo xeito, dende Afundación organizaranse sesións arredor da exposición cos centros escolares monfortinos e no que colaborarán tamén persoas que contan cunha historia de vida na emigración.

Esta exposición, que dende agora xa forma parte do calendario cultural do Concello de Monforte, está integrada no marco dos programas 'Corrente Cultural' de Afundación, consistente na realización de actividades socioculturais en localidades de toda Galicia, e o programa 'Fálame de emigración', que promove unha serie de encontros interxeneracionais nos que participan persoas asociadas ós Espazos +60 Afundación, e que comparten as súas experiencias e intercambian opinións en relación a estancias fóra dos seus lugares de orixe, vencelladas ó contexto socioeconómico de Galicia a mediados do século XX.

0.16815900802612