A exposición itinerante No Camiño chega a Chantada e Quiroga
Maña terá lugar a inauguración na Casa da Cultura de Chantada e Quiroga da mostra itinerante No Camiño, que baixo o subtítulo As imaxes que viron os peregrinos, recompila imaxes antigas dos Camiños de Santiago ao seu paso pola provincia de Lugo e textos literarios relacionados con eses anacos da historia do Camiño, hoxe perdidos na súa maior parte.
A mostra que conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia está a percorrer na actualidade os Camiños de Santiago por toda Galicia.
No evento participarán representantes de ambos concellos, así coma o presidente do Colectivo Egeria, Xulio Xiz.
No Camiño: Señores da luz, Señores da palabra
Son señores da luz os que, aínda agora pero especialmente en tempos difíciles en recursos e tecnoloxía, captaban coas súas cámaras instantes de vida, deixando permanente constancia dunha presenza ou dun feito. Son señores da palabra os que, en poesía ou en prosa, fabularon ou deixaron constancia de feitos acontecidos, situacións, persoas… dos mesmos lugares onde se fixeron as históricas fotos. E xa que imaxes e textos se centran nos Camiños de Santiago existentes nas terras lucenses, chámaselle a esta acción “no camiño”, para poñer de actualidade e en valor ese conxunto de obras que compre rescatar do esquecemento.
Con este proxecto homenaxe a, coñecidos ou anónimos, históricos señores da luz e da palabra, señores do camiño en fin, mestres dos tempos heroicos da fotografía e da escrita, cronistas literarios e gráficos, búscase divulgar algunhas das súas fermosas imaxes, entrañables, inesquecibles, acompañadas por textos literarios que as complementan ou destacan, en singular conxunción de arte visual e literaria, ao servizo da intelixencia cómplice do espectador.
As fotografías, perfectamente localizables polo espectador e debidamente identificadas, son un valor por si mesmas e o testemuño da luz resulta complementado ou resaltado polas citas literarias, que poñen de relevo tanto os aspectos que a imaxe reflicte como outros detalles históricos ou sociais, que axudan á comprensión ou ao impacto, por completar a visión do espectador. A exposición está formada por 10 paneis impresos por ámbolos dous lados, que conteñen fotografías e os seus correspondentes textos.
Organiza esta acción o Colectivo Cultural Egeria, coa colaboración de GaliciaDigital e do Grupo Fotocinematográfico Fonmiñá, sendo comisario da mostra o responsable de fotografía deste histórico grupo lucense e prestixioso fotógrafo, Eduardo Rodríguez Ochoa e responsable da acción o presidente do colectivo Egeria e do Grupo Fonmiñá, Xulio Xiz. A mostra conta co patrocinio da Xunta de Galicia, a través da Axencia de Turismo de Galicia, e actualmente está a percorrer os Camiños de Santiago por toda Galicia. Para mais información pódese consultar a súa web www.nocamiño.org