A exposición do pintor Gregorio Huerta del Río poderá visitarse en Monforte ata xaneiro
O Goberno local de Monforte inaugurou no Centro do Viño a exposición do pintor Gregorio Huerta del Río, que conmemora os 100 anos do nacemento do artista, está composta por 20 cadros cuxos motivos principais son as uvas e as vides e permanecerá aberta ata o vindeiro luns 8 de xaneiro de 2024.
O Concello de Monforte colaborou no patrocinio desta exposición, organizado por Abrentis e o Centro do Viño, onde o alcalde, José Tomé, destacou a importancia de acoller esta exposición en Monforte xa que o “pintor aborda en moitos dos seus cadros a temática das uvas, polo que conecta directamente coa importancia que os sector do viño ten na nosa comarca e na Ribeira Sacra, que está a conseguir cada vez poñer no mercado viños de máis calidade e non so viños xoves senón tamén en barrica”.
Gregorio Huerta del Río foi un pintor que ten tras de si unha longa traxectoria vital vinculada a algunhas das figuras máis destacadas do século XX, como Salvador Dalí, ao que acompañou en numerosas exposicións internacionais, ou Francisco Franco, ao que retratou nunha das súas obras máis coñecidas.
Destacan a calidade dos bodegóns que pintou; por iso é coñecido como "pintor das uvas", un tema recurrente na maioría das súas obras. Pintor reputado, as súas obras son dunha calidade excepcional, son un deleite para a vista.