A estrada N-120 presenta deficiencias que agravan os problemas demográficos de Galicia, segundo o Partido Popular
A través dunha proposición non de lei rexistrada esta semana no Parlamento de Galicia, o Partido Popular de Galicia solicita a reparación urxente da N-120 para avanzar na mellora integral da vía e reducir os riscos para a seguridade viaria que presenta neste momento debido ao deterioro do seu firme.
Así, os populares demandan ao Goberno central a mellora integral da N-120 pola súa falta de funcionalidade, así como a reactivación das obras de construción e posta en servizo da A-76 por considerar que o seu atraso está provocando a perda de competitividade e o agravamento dos problemas demográficos da Comunidade.
Reclaman ao Goberno central que actúe de xeito urxente nos treitos especialmente deteriorados e garanta as condicións de seguridade e viabilidade en todo o percorrido da principal vía de conexión entre o sur da provincia de Lugo e a zona máis oriental de Ourense.
A deputada popular Raquel Arias destaca que toda a estrada "desde a súa entrada en Galicia por Valdeorras ata a súa chegada ás cidades de Monforte de Lemos e Ourense presenta deficiencias no firme, pero hai tramos nos que a sucesión de gretas e fochancas obriga a extremar o coidado".
Consecuencias desta situación
Esta situación provocou que as últimas semanas foran especialmente negativas en canto á sucesión de accidentes na vía. Moitos deles vinculados ao mal estado do firme, como o sinistro múltiple que tivo lugar entre Monforte de Lemos e A Pobra do Brollón, no que resultaron danados 15 vehículos, e o accidente mortal acontecido nesta estrada ao seu paso polo municipio de Quiroga.
Na iniciativa parlamentaria tamén se solicita reactivar, tanto desde o punto de vista técnico como económico, as obras de construción e posta en servizo da A-76 entre Ponferrada e Ourense como itinerario alternativo para a mellora da comunicación e da vertebración das provincias de Lugo e Ourense e destas coa Meseta.
A falta de avances neste proxecto, din, acumula atrasos de máis de dous anos sobre os prazos previstos e "está provocando unha perda de competitividade importante e agrava os problemas demográficos". Así, explican, a interrelación económica e laboral entre as dúas zonas "vese prexudicada polas malas comunicacións viarias, así como polo conseguinte impacto na actividade turística, comercial e industrial".
Denuncias do estado das estradas no sur de Lugo
As estradas do sur de Lugo son un tema recurrente nos debates políticos e esta queixa do Partido Popular en canto á estrada N-120 súmase a outra recente de Interior Galego Vivo, que reclamaba a mellora da estrada N-540 ao seu paso por Chantada.