A estrada LU-P-0901 que une Bóveda con Monforte está sendo mellorada
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, supervisou as obras de mellora que a institución provincial está acometendo na estrada LU-P-0901, que une Bóveda e Monforte pola parroquia de Ribas Pequenas, cun investimento de 120.000 euros.
Os traballos de acondicionamento afectan a un tramo que vai do punto quilométrico 8,319 ao 10,709, no límite municipal entre ambos concellos.
O proxecto consiste na apertura de cunetas, eliminando a vexetación e a terra sobrante; no aumento da lonxitude da cuneta en 15 metros e medio; na pavimentación do firme cunha capa de aglomerado en quente; e na reposición da sinalización horizontal mediante o pintado con marcas reflexivas brancas.
En concreto, a empresa adxudicataria está traballando estes días no tramo que vai do lugar da Carballeda, desde o enlace coa estrada LU-P-3202 na parroquia de Fiolleda, cara o acceso á Finca de Tor, un treito que afecta tamén ás aldeas de Pol, Carrouba e Tor.
As obras, que empezaron a finais de marzo, avanzan a bo ritmo, destacou o presidente e está previsto que remate o estendido de aglomerado e, en 10 días, poderán comezar os traballos de pintado da vía. Tendo en conta que o prazo de execución é de de mes e medio, a actuación terá que estar rematada a principios de maio.
O presidente subliñou a importancia destas obras acometidas pola Deputación, "pois a estrada LU-P-0901 une os concellos de Monforte e Bóveda, comunica media ducia de parroquias (Fiolleda, Baamorto, Tor, Gullade e San Xillao de Tor), e dá servizo á finca e ao Museo Pazo de Tor, recursos propiedade da institución provincial".
José Tomé destacou, así mesmo, que esta nova actuación forma parte da actividade continua que desenvolve a Deputación de Lugo para mellorar a mobilidade no conxunto da provincia a través dun esforzo investidor que incrementou nun 42 % dende que está á fronte da institución provincial.
O acondicionamento da LU-P-0901 súmase ás que a Deputación acometeu para mellorar as vías de acceso á Finca de Tor, acondicionando a LU-P-2107 que une Monforte de Lemos con Tor, e unha nova construción de 600 metros para conectar coa pista existente que accede ao Pazo cun investimento total da Deputación de 480.000 euros.
Ademais, a institución provincial actuou na LU-P-3202, que conecta coa LU-P-0901 e comunica Monforte e Currelos, unha estrada á que leva destinado en total un investimento de 800.000 euros.