A Estación Científica do Courel inaugura unhas xornadas técnicas centradas no ecoturismo

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este xoves na apertura das xornadas técnicas "Ecoturismo en Ancares-Courel: experiencias e reflexións para o desenvolvemento rural", que se celebrarán ata o domingo 4 de outubro na Estación Científica do Courel. O encontro reúne a preto dunha vintena de expertos, administracións e entidades locais co obxectivo de avanzar nun modelo turístico sostible que poña en valor a riqueza natural e cultural da provincia.
Durante a inauguración, García Porto destacou a aposta da institución provincial polo turismo como “ferramenta estratéxica para o desenvolvemento da nosa provincial”. Non se trata de atraer só visitantes, senón de facelo dunha maneira respectuosa co medio ambiente, que xere oportunidades económicas, que contribúa a fixar poboación no rural e que poña en valor o noso patrimonio natural e cultural”.
As xornadas desenvolvéronse nun dos enclaves de maior biodiversidade de Galicia e buscan fomentar a xestión sostible do monte, compartir coñecemento científico e promover iniciativas turísticas que dean resposta aos retos do rural. García Porto subliñou tamén o papel das asociacións, empresas e persoas emprendedoras que transforman os recursos naturais en experiencias turísticas auténticas, afirmando que “sodes o mellor exemplo de como o turismo pode ser motor de desenvolvemento e de orgullo polo noso territorio”.
Estas xornadas enmárcanse no proxecto CAPRIF-CC (Comunidades Activas e Paisaxes Resilientes a Incendios Forestais e Cambio Climático), impulsado por diversas fundacións e entidades, e contan co apoio da Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico (MITECO), no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR) e financiado pola Unión Europea a través de fondos NextGenerationEU.