A Escudaría Taboada organiza unha nova edición da Subida a Taboada

O vicepresidente da Deputación de Lugo, Efrén Castro, participou este xoves na presentación da XII Subida a Taboada, organizada pola Escudaría Taboada e o Concello de Taboada.
A proba celebrarase os días 26 e 27 de abril, co respaldo da Vicepresidencia da Deputación de Lugo, que xa contribuíu no 2023 á súa recuperación tras 17 anos de parón e que mantén este ano o apoio económico. O rally será a primeira cita do Campionato Galego de Montaña e conservará o seu trazado habitual, nun treito da estrada LU-611, con saída no Cruce das Seixas e chegada no núcleo urbano de Taboada.
O acto contou coa presenza do alumnado do colexio e da escola infantil de Taboada, que se achegaron para coñecer algúns dos vehículos participantes. Durante o evento, Efrén Castro reafirmou o compromiso da Deputación coa proba e puxo en valor o traballo realizado pola Escudería Taboada e pola área de Deportes do Concello para recuperar esta competición e fomentar a implicación da veciñanza no rally, con presentacións como a de hoxe.
O vicepresidente enmarcou este apoio na rede de respaldo ao automobilismo que ofrece a Deputación de Lugo, tanto a través de achegas directas aos rallys de asfalto e montaña que se celebran nas distintas comarcas, como mediante programas e convocatorias específicas para pilotos.
Na quenda de intervencións institucionais, o concelleiro de Deportes, Cultura e Medio Rural de Taboada, Manuel Diéguez, afirmou que “a Subida converteuse nunha cita ineludible no noso calendario deportivo e, sen dúbida, pon a Taboada no mapa do deporte galego”. Tamén destacou o traballo conxunto coa escudaría, sinalando: “Estou seguro de que esta nova edición será organizada de forma excepcional”.
O prazo de inscrición na proba está aberto ata o 23 de abril. A participación dos pilotos da Escudería Taboada, que este ano celebra o seu 30º aniversario, será financiada polo Concello de Taboada. Na presentación, os responsables da escudaría adiantaron tamén o programa da proba: dúas pasadas o sábado 26 e outras dúas o domingo 27 de abril.