A escola infantil pública de Chantada contou con 20.000 euros para ser mellorada
A escola infantil pública de Chantada, que dá servizo ás familias de máis de 60 nenos de 0 a 3 anos, foi mellorada pola Xunta e o Concello de Chantada cun investimento de máis de 20.000 euros, polo que o xerente do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, Perfecto Rodríguez, e o alcalde do Concello, Manuel Lorenzo Varela Rodríguez, visitaron o centro para ver como quedou.
Os traballos incluíron o pintado interior da escola e a instalación dun novo baño entre as aulas 0-1 anos e 1-2 anos. Estas obras súmanse ás de ampliación do centro acometida o curso pasado para atender á demanda das familias. Entón destináronse máis de 50.000 euros a dotar a escola dun aula máis, que pasou das catro ás cinco actuais. Esta remodelación supuxo a redistribución da zona de acceso ao inmoble e do espazo de administración a fin de dar cabida á nova unidade, e tamén trouxo consigo a incorporación de máis persoal.
O xerente do Consorcio enmarcou estas intervencións no programa de melloras que, ao longo de todo o ano, a Xunta leva a cabo nas escolas infantís da súa titularidade co obxectivo de ofrecer ás familias as mellores instalacións para a atención e coidado dos seus fillos. Así mesmo, Perfecto Rodríguez lembrou que este curso os pais continúan sen pagar nada pola atención educativa dos seus nenos, grazas á gratuidade que o Executivo autonómico mantén en todas as escolas infantís de Galicia para o 100% do alumnado de 0 a 3 anos.