A Escola Infantil A Galiña Azul de Quiroga pechou o curso escolar coa visita do “Oso Caroso”

A Escola Infantil de Quiroga finalizou esta semana o curso escolar cunha actividade especial para os nenos e nenas: a visita do “Oso Caroso”. Esta iniciativa, organizada polo Concello de Quiroga, contou coa narración de Paula Carrera, de Outonía, acompañada pola música de Xabier Blanco, da Fundación Legar. O conto relata a chegada do primeiro oso á Serra do Courel tras anos de ausencia da especie na zona.
O centro permanecerá pechado durante todo o mes de agosto, conforme ao Regulamento de Réxime Interno do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar, que xestiona este tipo de escolas infantís.
O Concello lembra que aínda está aberto o prazo para presentar solicitudes de praza no proceso extraordinario de setembro, que finaliza o 31 de agosto de 2025. As solicitudes poden entregarse tanto na sede electrónica da Xunta de Galicia como no propio Concello de Quiroga.