A Escola de Música do Xeoparque Montañas do Courel celebra o seu festival de Semana Santa en Folgoso

A música volverá ser protagonista esta Semana Santa en Folgoso do Courel coa celebración do segundo festival organizado pola Escola de Música do Xeoparque Montañas do Courel, unha iniciativa que percorre distintos concellos da comarca co obxectivo de achegar a formación musical tanto á mocidade como ao conxunto da veciñanza.
O proxecto, que botou a andar este curso cunha primeira cita en Ribas de Sil, continúa agora a súa programación en Folgoso antes de pechar o calendario cun terceiro encontro previsto en Quiroga. O concerto ofrecerá un repertorio variado centrado na música moderna e terá lugar este xoves, 26 de marzo, ás 20:30 horas na Casa do Concello de Folgoso do Courel.
A Escola de Música do Xeoparque Montañas do Courel atópase no seu segundo ano completo de actividade, tras unha breve fase inicial, e traballa para fomentar a presenza da música entre as novas xeracións. Ademais da formación, promove que o alumnado teña a oportunidade de subir a un escenario e amosar o traballo realizado durante o curso. O festival contará coa participación de estudantes vinculados ao xeoparque e sumará tamén a presenza de alumnado convidado procedente de Monforte de Lemos.
A escola está dirixida por Gonzalo Herrero, músico profesional e docente con ampla traxectoria no ensino musical, vinculado desde hai anos a proxectos educativos e a iniciativas de formación tanto en España como en Portugal. Desde a organización animan á cidadanía a asistir ao evento e apoiar unha iniciativa que aposta pola cultura, a educación musical e a creación de oportunidades para a mocidade da comarca.