A Escola de Música de Monforte abre o prazo de inscrición
O Concello de Monforte anuncia que a partir do vindeiro luns 20 de setembro abrirase o prazo de inscrición na Escola Municipal de Música de dito Concello para o curso 2021/22.
Para realizar a inscrición os interesados deberán dirixirse á Secretaría do Edificio Multiusos en horario de mañá entre as 10 e as 13 horas, ou en horario de tarde entre as 16 e as 18 horas. Tamén é posible a inscrición a través da sede electrónica do Concello, no seguinte enlace:
https://sede.monfortedelemos.es/index.php?id=tramitacion
Dende o Concello infórmase que os/as alumnos/as terán que cumprir estritamente as normas do protocolo de adaptación ao contexto da covid19 indicadas na circular informativa, que se lles entregará no momento da inscrición.
Especialidades musicais ofertadas: Música e Movemento (nenos entre 4 e 5 anos), percusión (batería, percusión), percusión galega (pandeireta, tamboril, bombo, pandeiro), teclado, acordeón, violín, guitarra española, guitarra eléctrica, gaita, clarinete, frauta traveseira, saxofón, trompa, trompeta, trombón de varas e tuba.
En música, completarase a ensinanza instrumental con clases de linguaxe musical, así como participación en grupos colectivos que se organicen na Escola. Todas as persoas interesadas, poderán tamén informarse no 982 40 38 93.