A doutora Odile Fernández ofrecerá unha charla sobre 'Hábitos de vida saudable' en Chantada
A Asociación Chantada Contra O Cancro organiza unha charla-coloquio coa Doutora Odile Fernández, unha recoñecida médica no eido da saúde e da nutrición, especialmente coñecida polo seu enfoque da medicina integrativa e da súa loita contra o cancro o vindeiro venres, 14 de xuño, ás 20.00 horas no Auditorio Municipal de Chantada.
A propia Odile Fernández foi diagnosticada dun cancro de ovario metastásico nun estadio avanzado e contra os prognósticos desfavorables, superou a enfermidade empregando un enfoque integrativo que combinaba os tratamentos médicos convencionais con cambios significativos no seu estilo de vida, especialmente na alimentación.
Dende aquelas, Odile Fernández escribiu varios libros sobre a súa experiencia e o enfoque integrativo no tratamento e prevención do cancro. Ademais de ter aparecido en diversos medios de comunicación para falar da importancia dun estilo de vida saudable, é moi activa en redes sociais.
Ademais da presenza da doutora granadina, realizarase un coloquio onde participarán persoas da contorna que superaron diferentes cancros. Maira Ratón, Adrián Fernández, Pilar Barrenechea e José Luis Couto compartirán cos asistentes ó acto as súas experiencias.
Dende Chantada Contra O Cancro celebran poder contar con Odile Fernández en Chantada. “Queremos achegar á poboación dun núcleo como Chantada a experiencia que pode aportar Odile”, indican. Ademais, tamén insisten en agradecer “a presenza das catro persoas da contorna que contarán as súas experiencias.
Deste xeito achegarán as súas visións e esperamos que sirva para romper os tabús aínda existentes á hora de falar desta enfermidade”.
Dende Chantada contra o cancro agardan ter unha “moi boa acollida e ter o auditorio cheo, xa que cremos que é unha oportunidade única de escoitar a Odile de preto e compartir experiencias. Unha actividade que é posible tamén grazas ós establecementos e entidades que colaboraron, a quen estamos moi agradecidas”.