A DO Ribeira Sacra participa nunha reunión sobre o escenario internacional do sector do viño

RibeiraSacraXa
O encontro serviu para abordar cuestións vencelladas ao contexto internacional do sector do viño, os acordos comerciais en estudo e as políticas de promoción exterior
do-ribeira-sacra-reunion-ministerio
9 Feb 2026

O Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeira Sacra asistiu o pasado 6 de febreiro a unha reunión de traballo convocada polo Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación cos consellos reguladores vitivinícolas. No encontro analizáronse cuestións relacionadas co contexto internacional do sector do viño, os acordos comerciais en estudo e as políticas de promoción exterior.

Durante a sesión, o Ministerio trasladou información sobre a evolución dos mercados internacionais e sobre diversos acordos comerciais impulsados desde o ámbito da Unión Europea, entre os que figuran o acordo con Mercosur e as negociacións abertas con países como a India e Indonesia. Tamén se abordaron as liñas xerais de promoción exterior do viño español, así como as axudas da OCM destinadas á promoción en países terceiros.

Neste marco, o presidente da DO Ribeira Sacra, Antonio Lombardía, na súa condición de vogal representante das pequenas Denominacións de Orixe de España, trasladou ao ministro a necesidade de simplificar os trámites administrativos para acceder ás subvencións de promoción da OCM. Segundo se expuxo, a complexidade actual destas axudas dificulta que as pequenas DO poidan beneficiarse dos fondos destinados á promoción internacional.

Durante a súa intervención, Lombardía subliñou que “é fundamental a simplificación administrativa das axudas para poder estar presentes en países terceiros e así mellorar os datos de exportación”. Pola súa banda, o ministro de Agricultura comprometeuse a ter en conta esta demanda no proceso de transposición do paquete do viño á normativa estatal, o que podería facilitar o acceso das pequenas Denominacións de Orixe aos recursos de promoción exterior.

A participación da DO Ribeira Sacra neste tipo de reunións enmárcase no seu labor de seguimento dos asuntos que afectan ao sector vitivinícola, co obxectivo de defender os intereses de adegas e viticultores amparados e promover a igualdade de oportunidades entre territorios.

⚙ Configurar cookies
0.075750112533569