A Deputación urxe á Xunta completar os 54 quilómetros do trazado do corredor Nadela-Monforte

LugoXa | SarriaXa | RibeiraSacraXa
A Deputación de Lugo urxiu no pleno á Xunta de Galicia a acometer o desdobramento da totalidade do trazado do corredor Nadela-Monforte para que a provincia de Lugo teña en servizo o antes posible a AG-22.
26 Mar 2024

A Deputación de Lugo urxiu no pleno á Xunta de Galicia a acometer o desdobramento da totalidade do trazado do corredor Nadela-Monforte para que a provincia de Lugo teña en servizo o antes posible a AG-22. Acordouse por unanimidade a proposta do PSdeG e cos votos a favor do BNG e do PP.

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, evidenciou a necesidade de completar esta importante arteria de comunicación por estrada para “conectar o centro da provincia co sur da provincia, unha comarca moi poboada e que turisticamente é moi atractiva, o que fai que sexan precisas unhas boas comunicacións que agora non temos”.

O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, defendeu a proposta pedindo a redacción dun proxecto global para executar o desdobramento dos quilómetros que faltan para completar o corredor, un total de 54. “Ata o de agora o único que vimos foi unha política da Xunta de executar a pedaciños, e iso non serve, porque temos que facer unha análise máis global da situación. Estamos falando dunha estrada que soporta un alto volumen de tráfico, tanto de transporte de mercadorías como de turismo”.

Lembrou que se trata dunha demanda social, referendada por varios acordos tamén unánimes no Parlamento de Galicia, pero “que vén atopando atrancos e atrasos cos que a Xunta de Galicia está desenvolvendo este proxecto”. Deste xeito, fixo referencia a que a primeira licitación, a do treito A Pobra de San Xiao-Sarria, non se realizou ata o ano 2017, quedando inaugurado cinco anos despois. Explicou que foi no 2022 cando se licitou o seguinte tramo, Nadela-A Pobra de San Xiao, “16 quilómetros que a Xunta non ten previsto inaugurar ata 2026”.

Rivera Capón foi claro ao reivindicar un proxecto que camiñe cara vertebrar a provincia de Lugo. Trátase da solución máis axeitada “para reducir o número de accidentes que se producen, pois a vía ten carencias de seguridade que se poderían solucionar co desdobramento da estrada”.

0.2009289264679