A Deputación urxe á Xunta a resolver o déficit de prazas de residencia

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Pleno acordou pedir que a oferta asistencial se adecúe á recomendación da OMS de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos.
deputacion Pleno Ordinario Xuno
26 Jan 2022

O Pleno acordou pedir que a oferta asistencial se adecúe á recomendación da OMS de 5 prazas por cada 100 persoas maiores de 65 anos, que o Goberno galego financie a rede de residencias da Deputación e que mellore o sistema de servizos sociais galego. Aprobaron tamén unha declaración institucional de integridade e compromiso ético da Deputación.

A Deputación de Lugo urxe á Xunta de Galicia a resolver o déficit de 14.331 prazas en residencias públicas da terceira idade que existe na comunidade galega. Unha decisión que foi acordada no Pleno ordinario de xaneiro celebrado este martes ao aprobarse unha moción defendida polo PSdeG, que contou cos votos a favor de socialistas e nacionalistas, e en contra do PP.

A administración provincial insta a que se creen todas estas prazas baseándose no último estudo da asociación estatal de Directoras e Xerentes de Servizos Sociais, que constata esta realidade, tomando como referencia a media de 5 prazas de residencia por cada 100 persoas maiores de 65 anos que recomenda a Organización Mundial da Saúde (OMS).

COMPROMISO ÉTICO

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou na sesión ordinaria do mes de xaneiro celebrada este martes unha declaración institucional de integridade e compromiso ético, dando así cumprimento a un requisito imprescindible para concorrer e executar fondos europeos de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Os grupos políticos con representación no organismo provincial -PSdeG, BNG e PPdeG- votaron a favor, quedando aprobada por unanimidade.

Na declaración, a Deputación expresa o compromiso co cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e adhesión da institución provincial aos máis estritos principios de integridade, obxectividade e honestidade, cunha oposición á fraude e á corrupción en calquera das súas formas. Así mesmo, recalca que o obxectivo é impulsar e favorecer unha cultura que desalente toda actividade fraudulenta e que facilite a súa prevención e detección, promovendo o desenvolvemento de procedementos efectivos para a xestión dos supostos que poidan darse.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, explicou que a pandemia da covid-19 deixou de manifesto que o modelo de atención das persoas maiores que ten en marcha a Xunta “é un fracaso”. “Son grandes residencias masificadas, pensadas na procura do beneficio económico das empresas privadas e que non garante nin a digna atención dos maiores, nin as adecuadas condicións laborais dos traballadores”.

Na súa intervención, Rivera Capón explicou que a iniciativa presentada ten como xermolo a defensa dos servizos públicos. Manifestou que é necesario “desenvolver unha rede de residencias públicas na comunidade”. Así mesmo dixo que “a Xunta ten que asumir as súas obrigas e competencias en materia social financiando a Rede Pública de Centros de Atención a Maiores da Deputación de Lugo”, e en terceiro termo matizou que é preciso que o Goberno galego “mellore o desenvolvemento do sistema de servizos sociais para garantir que os dereitos dos cidadáns se convertan nunha cobertura real das necesidades”. 

Rivera Capón expuxo con datos do Consello Consultivo de Contas que en Galicia o tempo medio para obter unha praza nunha residencia pública galega é de 453 días. O Deputado de Promoción Económica e Social subliñou que, mentres que a Xunta, con máis de 11.000M€, non creou nin unha soa residencia pública nos 12 anos de Goberno de Feijóo, a Deputación de Lugo, con 100M€ de presuposto, ten en marcha 7 centros públicos de maiores, máis que a propia Administración autonómica na provincia.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL

Un dos piares fundamentais que deben guiar a actuación das Administracións Públicas para a mellor satisfacción do interese xeral ten que ser o da integridade institucional, definido de maneira sinxela como a observancia dos valores e principios da boa administración.

O mantemento e reforzo da integridade institucional e a súa proxección aos cidadáns, institucións e entidades coas que se relaciona deben ser, pois, obxectivos irrenunciables de calquera Administración Pública para o cumprimento dos fins que a Constitución e a lei lle encomendan.

A integridade institucional é unha esixencia ética que reborda a mera suxeición ás normas e, pola contra, demanda unha actitude proactiva na busca do cumprimento daqueles principios da boa administración. Un dos aspectos fundamentais que configuran a integridade dunha institución pública é o rexeitamento público, expreso e rotundo da fraude e da corrupción e o compromiso, igualmente claro, inequívoco e público para a súa persecución.

Pouco a pouco, pero de xeito imparable, alentadas e con apoio na normativa da Unión Europea (por exemplo na Directiva (UE) 2017/1371, sobre a loita contra a fraude que afecta aos intereses financeiros da Unión) e nas recomendacións dos seus organismos (sinaladamente a Oficina Europea de Loita contra a Fraude - OLAF), as manifestacións das Administracións expresando un compromiso de "tolerancia cero" coa fraude son cada vez máis frecuentes. En todo caso, o rexeitamento público da fraude e da corrupción faise ineludible cando a Administración xestiona fondos procedentes das Comunidades Europeas.

A Deputación Provincial de Lugo ten xa iniciado este camiño mediante a a introdución no Regulamento de Organización e Funcionamento da Asesoría Xurídica provincial dun título enteiro dedicado ao Compliance público así como -e sinaladamente- a sinatura co Consello de Contas de Galicia dun Protocolo de Colaboración no ano 2019, para que este Órgano Estatutario con competencias na materia acompañe na implantación das medidas concretas a adoptar.

Por outra banda, e no que respecta á xestión de fondos europeos, a entidade provincial iniciou os trámites oportunos para dar cumprimento ao previsto no artigo 6 da Orde HFP/1030/2021, onde se establece que, coa finalidade de protexer os intereses financeiros da Unión Europea, toda entidade, decisora ou executora, que participe na execución das medidas do Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia (en diante PRTR), deberá dispoñer dun «Plan de medidas antifraude» que lle permita garantir e declarar que, no seu respectivo ámbito de actuación, os fondos correspondentes utilizáronse de conformidade coas normas aplicables, en particular, no que se refire á prevención, detección e corrección da fraude, a corrupción e os conflitos de intereses. Existe a firme vontade por parte da Deputación Provincial de Lugo, de concorrer no ano en curso ás convocatorias que o Goberno de España poña en marcha para a execución do PRTR, sendo preciso contar co mencionado plan de medidas antifraude no caso de ser beneficiario de fondos con cargo ao Plan de Recuperación Transformación e Resiliencia.

Alén do ate aquí exposto, o Pleno provincial quere manifestar o seu compromiso cos estándares máis elevados no cumprimento das normas xurídicas, éticas e morais e a súa adhesión aos máis estritos principios de integridade, obxectividade e honestidade, de xeito que a súa actividade se perciba por todos como oposta á fraude e á corrupción en calquera das súas formas. Todos os membros da Corporación Provincial asumen e comparten este compromiso.

Por outra banda, os empregados públicos municipais teñen entre os seus deberes o de "velar polos intereses xerais, con suxeición e observancia da Constitución e do resto do ordenamento xurídico, e actuar con arranxo aos seguintes principios: obxectividade, integridade, neutralidade, responsabilidade, imparcialidade, confidencialidade, dedicación ao servizo público, transparencia, exemplaridade, austeridade, accesibilidade, eficacia, honradez, promoción do entorno cultural e medioambiental, e respecto á igualdade entre homes e mulleres" (artigo 52 do Real Decreto Lexislativo 5/2015, do 30 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto Básico do Empregado Público).

O obxectivo desta política é o de impulsar e favorecer unha cultura interna que desalente toda actividade fraudulenta e que facilite a súa prevención e detección, promovendo o desenvolvemento de procedementos efectivos para a xestión dos supostos que poidan darse.

No marco desa política, a Deputación Provincial de Lugo disporá os procedementos e canles necesarias para que, con respecto pleno á confidencialidade e á protección de datos de carácter persoal, calquera persoa ou entidade poida denunciar aquelas irregularidades ou sospeitas de fraude que poida detectar. Dando cumprimento así á normativa europea e interna que regula esta materia.

Así pois, a presente declaración é un punto de partida para un compromiso en prol dun cambio de cultura administrativa na que os mencionados estándares e sobre todo, o compromiso co Dereito á boa administración, rexan a totalidade do actuar desta institución, ca adopción de todas as medidas precisas tanto na inmediata xestión de Fondos Europeos coma en xeral na xestión global de toda a actuación administrativa. Declarando, por tanto, unha política de "tolerancia cero" fronte á fraude e a corrupción e establecerá os sistemas de control axeitados para previr e detectar, dentro do posible, calquera actuación fraudulenta e corrixir o seu impacto, no caso de producirse.

PARTIDO POPULAR

O PP di que o pleno que celebrou a Deputación, "carente de parte resolutiva", demostra "a incapacidade do goberno provincial para resolver os problemas dos lucenses". O portavoz popular, Javier Castiñeira, destaca que na orde do día non hai expedientes administrativos que aprobar, o que significa que  o equipo de goberno "ten unha nula capacidade para xestionar e que só quere un pleno político".

Os populares piden á voceira socialista que faga autocrítica e que traballe para que a sesión plenaria de febreiro si inclúa "a toma de decisións para mellorar a calidade de vida dos lucenses".

O PP defendeu dúas mocións, unha delas para que a Deputación deseñe un plan estratéxico de Turismo, para "non cometer erros como o de asistir a Fitur fóra do stand de Galicia".

A outra moción popular ten por obxectivo defender ao sector primario lucense fronte ás decisión do Goberno de Pedro Sánchez "que crean graves risco para a supervivencia de moitas das explotacións gandeiras".


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.16728401184082