A Deputación renova o apoio á Ribeira Sacra nun ano clave para a candidatura a Patrimonio da Humanidade
O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, e o máximo responsable do Consorcio da Ribeira Sacra, Luís Fernández Guitián, asinaron no Pazo de San Marcos o convenio anual de colaboración entre ambas entidades. Este acordo permite que a Deputación achegue, por un ano máis, 25.000euros para apoiar os gastos de promoción e comercialización conxunta do destino Ribeira Sacra, un dos referentes turísticos máis destacados do sur da provincia.
“Renovamos o noso compromiso nun ano determinante para a candidatura do territorio a Patrimonio da Humanidade”, destacou Tomé Roca. Subliñou que esta colaboración permite ao Consorcio continuar a súa actividade na xestión de fondos públicos e no desenvolvemento de accións destinadas a potenciar a Ribeira Sacra como un destino turístico de referencia.
Entre as accións prioritarias desenvolvidas polo Consorcio este ano, salientou a súa participación nos trámites relacionados coa candidatura da Ribeira Sacra a Patrimonio da Humanidade, un proceso reformulado este ano entorno á auga como elemento clave. Ademais, asumíronse funcións e partidas do plan de xestión da paisaxe cultural do territorio, avanzando na súa posta en valor e preservación.
O Presidente Tomé Roca destacou a implicación histórica da Deputación nesta candidatura, recordando que foi a institución provincial quen, en 2011, baixo a presidencia de José Ramón Gómez Besteiro, liderou unha campaña de mobilización institucional e social co obxectivo de conseguir esta distinción internacional.