A Deputación presenta os orzamentos no Parlamento

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
O Presuposto da Deputación de Lugo para o ano 2022 ascenderá a 100M€, un 8% máis ca neste 2021, grazas ao incremento das achegas do Estado.
orzamentos deputacion parlamento tome
5 Nov 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, presentou este xoves na Comisión 3ª do Parlamento de Galicia as grandes liñas de actuación dos Orzamentos da institución para o ano 2022, que, con 100M€ -un 8% máis ca neste 2021 grazas ao incremento da participación nos tributos do Estado-, serán os máis altos da última década e servirán “para seguir mellorando e ampliando os servizos públicos e para continuar apoiando a recuperación económica da provincia dende o sector público, en colaboración cos concellos e co tecido social e económico”.

Serán “uns orzamentos feitos dende o rigor, por un Goberno sólido que ten un proxecto claro para a provincia, que coñece a súas necesidades e oportunidades, que cumpre cos seus compromisos e que, polo tanto, ofrece confianza”, asegurou o presidente, quen avanzou que a previsión é levar a aprobación das contas a Pleno a finais deste mes de novembro e que entren en vigor a principios de xaneiro.

José Tomé subliñou que o aumento que experimenta o Presuposto a nivel global repercutirá nunha subida das partidas destinadas ás catro grandes liñas de actuación prioritarias do Goberno: as políticas sociais, a cooperación cos concellos, o apoio ós sectores produtivos e a mellora da mobilidade. “Continuaremos co rumbo que temos marcado. Cando algo funciona e dá resultados, cando é útil e cando resolve problemas, hai que mantelo”, asegurou.

Deste xeito, no 2022 subirán as partidas para políticas sociais, que ocupan un terzo do Orzamento total da Deputación de Lugo, e que, ademais dos servizos sociais e de benestar, inclúen accións en materia de emprego, igualdade, cultura, deportes, xuventude, Memoria Histórica ou educación, entre outras.

O presidente confirmou que no vindeiro ano a Deputación de Lugo seguirá ampliando a Rede Pública de Centros de Atención a Maiores e, desta forma, cumprindo cos compromisos adquiridos cos concellos e a veciñanza.

Neste sentido, recalcou que ao final deste mandato “multiplicaremos por tres o número de residencias provinciais en funcionamento, pasando das tres que había no ano 2019 ás 9 coas que contaremos no 2023, ás que hai que sumar as que están en construción”.

120 novas prazas asistenciais

José Tomé lembrou que o mandato comezou con tres centros abertos, en Trabada, Ribadeo e Pol. Dende entón abríronse outros tres, na Fonsagrada, Castroverde e Pedrafita do Cebreiro, e tan só nuns días poñerase en marcha o de Meira. “É dicir, catro novas residencias públicas en só dous anos e cunha pandemia polo medio. Isto significa que creamos 120 novas prazas asistenciais e 100 novos empregos directos na provincia, en pequenos concellos rurais, que é onde máis se necesitan”.

“A día hoxe, temos máis residencias públicas na provincia ca Xunta de Galicia. E seguimos adiante porque no vindeiro ano 2022 teremos abertos outros dous centros máis: en Navia de Suarna e Ribas de Sil, ademais de seguir traballando nos proxectos en marcha, como son os da Pontenova, Portomarín, Guitiriz, A Pobra do Brollón, Ourol, Folgoso do Courel ou Ferreira de Pantón, entre outros”.

Mentres tanto, a Xunta de Galicia, que conta cun Orzamento 125 veces maior co da Deputación de Lugo e, ademais, é a administración que ten as competencias en materia social, segundo o Estatuto de Autonomía e a Lei de Servizos Sociais de Galicia, “non abriu nin unha soa residencia pública en toda Galicia nos doce 12 anos nos que Feijóo leva á fronte do Goberno galego”, afirmou Tomé Roca.

O presidente aproveitou a súa comparecencia no Parlamento para “darlle a benvida” a Feijóo ó modelo de residencias da Deputación de Lugo, “porque o novo sistema que agora di a Xunta que vai implantar é exactamente o mesmo que nós lle vimos ofrecendo dende hai moito tempo: un modelo público, de centros pequenos, con atención de calidade e personalizada, que garante o arraigo e o benestar das persoas, ademais de dinamizar a economía local e crear emprego”.

“Parece que, por fin, a Xunta se dá conta de que o seu modelo é nefasto para as persoas. Unha boa maneira de demostrar que vai rectificar e que vai implantar o modelo que ten a Deputación de Lugo sería, precisamente, que a Xunta financiase as residencias provinciais e que as integrase na súa rede pública de centros. Que cumpra co que lle levamos pedindo tanto tempo, porque a día de hoxe, non puxo nin un só euro, nin para a construción, nin para o funcionamento das residencias da Deputación”, engadiu.

Distribución dos fondos públicos con criterios públicos e obxectivos

No ano 2022, a Deputación manterá a distribución equitativa dos fondos públicos entre os 67 concellos da provincia a través do Plan Único, un instrumento “moi importante para favorecer o equilibrio territorial, que respecta a autonomía local, e que dá estabilidade ós concellos porque contan con eses recursos da Deputación de Lugo para planificar a súa acción municipal”, explicou o mandatario provincial.

O presidente subliñou que ano tras ano, “aumentamos a dotación económica –chegando hoxe aos 21,5M€-, pero tamén melloramos as condicións para que lles sexa máis útil ós concellos”.

Como datos que “reflicten claramente a utilidade que ten para a provincia este plan”, José Tomé dixo que dende o inicio do mandato inxectou 64M€ nos concellos da provincia, un investimento co que acometeron en total unhas 1.000 obras e subministracións e contrataron a máis de 900 persoas.

O presidente pediu un Plan Único da Xunta ao que lle dedique a mesma porcentaxe sobre o Orzamento ca que destina a Deputación de Lugo, un 20%, co que alcanzaría os 2.325M€. “Que o señor Feijóo acabe co sectarismo e co castigo que practica cara os concellos que non son da súa mesma cor política. Pero, sobre todo, que remate xa coa concesión de axudas con nocturnidade e aleivosía. Convocatorias para as que abren o prazo ás 12 da noite e, curiosamente, xa están esgotadas 5 ou 10 minutos despois. É incrible a axilidade coa que preparan os expedientes os concellos amigos”, aseverou o mandatario provincial.

Sen recursos extraordinarios para afrontar a pandemia

Así mesmo, José Tomé trasladou á Cámara galega “o que é un clamor no mundo municipal” porque “está ben que a Xunta de Galicia pida fondos ó Estado, pero ten que facer unha segunda descentralización para que as deputacións fagamos chegar eses fondos ós concellos, sobre todo ós máis pequenos. Isto sería a garantía de que se executan e de que realmente chegan á cidadanía, porque temos capacidade de xestión e somos os que mellor coñecemos as necesidades da xente”.

Ademais, lembrou a situación “surrealista” que supón que o Goberno galego pida continuamente ás deputacións que aporten financiamento para competencias que son súas, cando debería ser a Administración autonómica a que trasladara fondos ás institucións provincias e locais.

O presidente indicou que, por riba de todo isto, a Xunta tampouco executa os recursos económicos que recibe, “xustamente o contrario da imaxe que vende”, e, como exemplo, lembrou que deixou sen gastar “nada menos que o 51% dos fondos que percibiu de Europa no período 2014-2020, coa cantidade de necesidades e co enorme potencial que temos en Galicia. Case 1.400M€ que perdeu o noso país porque a Xunta non soubo ou non quixo executalos. Isto, aparte de sorprendente, é realmente grave”.

O mesmo ocorre, engadiu, cos Orzamentos autonómicos: “Na provincia de Lugo, levamos anos e anos falando dos mesmos proxectos: a VAC Costa Norte, a Ronda Leste, o Plan Paradai ou o Porto Seco. Nada novo, porque a Xunta non cumpre co que promete”.

Ademais de seguir reclamando á Xunta que transfira ás deputacións unha parte dos millóns de euros extraordinarios que está recibindo para combater a pandemia, José Tomé subliñou que a institución lucense continuará concorrendo de maneira directa ós fondos europeos de recuperación para impulsar, en colaboración cos concellos, a reactivación da economía, a innovación, e o desenvolvemento sostible do territorio. 

Continúa o Plan de Impulso da Economía

No ano 2022, a Deputación de Lugo seguirá colaborando co tecido empresarial e profesional para reforzar o apoio aos sectores produtivos, nomeadamente aos que son estratéxicos para a provincia e aos máis danados pola crise da Covid-19, en concreto, o agrogandeiro, forestal e do mar, o turismo, a hostalería e o comercio de proximidade.

Para iso, asegurou o presidente, continuará o Plan de Impulso da Economía da Provincia, dotado con 7M€ para axudar á recuperación sostible do tecido produtivo fronte ó impacto da pandemia a través de medidas de apoio directo, de promoción e de incentivo do consumo.

Entre outros proxectos, a Deputación continuará potenciando a Granxa Gayoso Castro, “un motor do sector primario da provincia de Lugo e de Galicia a través do apoio á actividade gandeira, a formación, a innovación e a investigación, en colaboración coa Universidade”, afirmou o mandatario provincial, ademais de “colaborar de maneira directa co tecido asociativo da provincia vinculado a todas as actividades agrogandeiras, forestais e marítimas con distinto tipo de axudas”.

Parque Central de Galicia

En materia de turismo e tamén vinculado co medio ambiente, o presidente destacou que no 2022 será unha realidade o Parque Central de Galicia, un gran espazo público de 45.000ms2 que a Deputación acondiciona xa para poñer en valor o centro xeográfico galego, situado en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, en Antas de Ulla. Esta iniciativa, subliñou, “será un revulsivo para a economía de Antas e de toda a comarca da Ulloa pola súa capacidade de atracción turística, o que supón tamén unha aposta clara polo reequilibrio territorial, que vai ser útil para fixar poboación no rural, creando actividade económica e emprego”.

Plan de industrialización

Sen embargo, para que a recuperación económica sexa unha realidade, o presidente subliñou que “é urxente” que a Xunta impulse un plan de industrialización para Galicia e para a provincia de Lugo. “É a administración coas competencias para artellar unha política industrial útil e adecuada ás potencialidades do territorio. Así o establece o artigo 30 do Estatuto de Autonomía”, recalcou. 

Máis orzamento para estradas

Polo que respecta á mellora da mobilidade, José Tomé anunciou que no 2022 volverán a subir as partidas para a mellora e mantemento da rede de estradas. A Deputación lucense ten a rede viaria máis extensa de España, con 4.217 quilómetros, e tres veces maior ca da Xunta en Lugo, “o que require un compromiso inversor moi grande”, que, en todo caso, podería ser maior “se o Goberno galego fixera o que ten que facer en materia social, e tamén se asumira estradas que son máis autonómicas ca provinciais”, explicou o presidente.

O mandatario provincial destacou tamén que a Comisión de Deputacións da FEMP aprobou en setembro a súa proposta para que a entidade municipalista solicite e negocie co Goberno central que haxa fondos europeos de recuperación para mellorar a mobilidade no rural, ampliando a actual disposición, que está encamiñada fundamentalmente a contornas urbanas. “Isto sería determinante para asegurar unhas boas comunicacións entre os concellos rurais e entre estes e as zonas urbanas, algo fundamental para o desenvolvemento equilibrado do territorio, para a igualdade de oportunidades, e polo tanto, para manter a poboación”.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.09367299079895