A Deputación presenta en Taboada o proxecto Turembalses

RibeiraSacraXa
A iniciativa pretende crear unha experiencia turística en torno aos embalses da provincia
presentacion-turembalses-taboada
Presentación do proxecto Turembalses en Taboada
30 Jun 2025

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, participou este luns no Cuartel Vello de Taboada na primeira xornada informativa de presentación do proxecto Turismo de Encoros de España, Turembalses. Unha iniciativa mediante a cal a institución provincial recibirá 127.500 euros de fondos europeos para crear unha experiencia turística en torno a estas infrarestruturas.

“Turembalses dotará ao turismo rural do noso territorio dun elemento de diversificación e atractivo, dunha análise da oferta e da demanda innovadora no noso país; e unha alternativa ao turismo azul diferente á costa”, explicou García Porto. Engadiu a responsable provincial que “na Deputación de Lugo sabemos que a nosa provincia conta cun gran número de encoros e recursos fluviais que, ademais de ser paisaxes naturais de gran beleza, tamén son un patrimonio cultural e histórico moi importante”.

Na cita celebrada esta mañá participou o alcalde do municipio, Roi Rigueira Agromartín, unha representante do proxecto a nivel nacional e persoas vencelladas ao turismo e ao desenvolvemento rural en Taboada e a súa contorna.

Pola tarde, o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, asistirá á xornada informativa que organiza a Deputación de Lugo no Centro do Viño da Ribeira Sacra, en Monforte de Lemos. Mañá, o Deputado de Medio Ambiente, Carlos López López, introducirá as cuestións claves deste proxecto no local social do concello de Negueira de Muñiz. O obxectivo destas sesións e que os axentes interesados coñezan de primeira man as características do proxecto, obxectivos e destinatarios; como formar parte do proxecto e as oportunidades de formación, asesoramento e promoción para entidades ou empresas.

⚙ Configurar cookies
0.1849160194397