A Deputación pon en marcha o programa Lugo Termal

LugoXa | RibeiraSacraXa
A Deputación de Lugo anuncia a posta en marcha do Lugo Termal, aberto por vez primeira a maiores de 50 anos.
jose tome antonio garaloces lara mendez balneario lugo
14 Jul 2021

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este martes a posta en marcha do programa Lugo Termal, que este ano a institución, como unha das medidas do Plan de Impulso da Economía da Provincia, decidiu abrir a persoas maiores de 50 anos, e con acompañantes que non teñan necesariamente esta idade, coa finalidade de que aumente a actividade económica nos establecementos termais da provincia.

José Tomé avanzou que a partir de hoxe os veciños e veciñas da provincia poden solicitar algunha das 1.320 prazas con estancia e sen estancia que ofrece a Deputación a través do programa de termalismo, unha vez que se publicaran as bases do mesmo no Boletín Oficial da Provincia (BOP). Fíxoo durante unha visita ao balneario de Lugo, que xunto aos de Pambre e Pantón, participa na iniciativa provincial. 

Segundo recollen as bases do Lugo Termal, as persoas interesadas poden presentar a documentación dende o día de hoxe, mércores, a través do Rexistro Xeral ou tamén, a partir das 00.00 horas, a través da páxina web da Deputación de Lugo, www.deputacionlugo.gal

As persoas beneficiarias deberán cumprir con tres requisitos, ademais da idade: estar empadroado ou empadroada nalgún dos concellos da provincia, valerse por si mesma, non padecer alteracións do comportamento que afecten á convivencia e carecer de contraindicacións médicas.

O presidente destacou que o programa Lugo Termal, que a Deputación de Lugo pon en marcha por noveno ano consecutivo, “favorece o benestar social e a saúde, e, ao mesmo tempo, dá un apoio directo aos balnearios cando máis o necesitan polo grave impacto da pandemia na actividade destes negocios”. “Lanzamos este programa, que ano tras ano ten moi boa acollida entre os veciños e veciñas da provincia, xusto neste momento de reapertura dos balnearios para contribuír no posible á recuperación sostible da súa actividade”. A isto axudará a ampliación do rango de idade de 55 a 50 anos e tamén a flexibilidade no uso dos bonos, que non se van condicionar a datas concretas, senón que o período será flexible para que se poidan aproveitar ao máximo ao longo do ano.

Nesta edición ofrécense un mínimo de 1.320 prazas, das que 1.000 serán na modalidade de estancia e 320 na modalidade sen estancia.

Modalidades 

A modalidade con estancia contempla seis días e cinco noites en pensión completa e un mínimo de 15 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen, e haberá un programa de animación sociocultural de luns a xoves.  Haberá 100 prazas en Lugo, 700 en Pantón e 200 en Palas de Rei. Esta alternativa ten un custe máximo de 250 euros por persoa e estancia, dos que a Deputación de Lugo farase cargo de 60,50 euros de máximo e a persoa usuaria do restante.

Inclúe servizo de cea e aloxamento o día de entrada e o servizo de almorzo e xantar o día de saída, podéndose alternar por servizo de xantar e cea o día de entrada e almorzo o día de saída, acordando previamente co balneario. Será en habitacións de uso compartido (os usuarios que soliciten unha individual, se o balneario ten dispoñibilidade, aboarán a diferenza correspondente aos prezos establecidos).  

A modalidade sen estancia, con 320 prazas, contempla dez días (de luns a venres). Inclúe un mínimo de 30 técnicas termais, agás que por razóns médicas xustificadas se desaconsellen. Neste caso, os participantes benefícianse dun prezo vantaxoso de 200 euros, gracias aos descontos que ofrece a Deputación. Haberá 100 prazas en Lugo, 150 en Pantón e 70 en Palas de Rei.

O programa Lugo Termal forma parte do Plan Impulso da Economía da Provincia da Deputación e chega nun momento que permite axudar aos balnearios da provincia tras os peches pola crise sanitaria. Forman parte tamén deste plan os Bonos Impulso, actividades turísticas e fluviais nos concellos ou os programas Saborea a túa Provincia e Coñece a túa Provincia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.18735289573669