A Deputación pide á Xunta que se sente a negociar o convenio dos bombeiros do Consorcio
A voceira socialista do Goberno provincial, Pilar García Porto, pide á Xunta de Galicia que “deixe de buscar escusas e se sente xa a negociar” o convenio colectivo dos bombeiros do Consorcio Provincial de Lugo para a Prestación do Servizo contra Incendios e Salvamento, así como o cumprimento da sentencia do Tribunal Supremo para acadar a fixeza dos traballadores.
A Deputada lembra neste sentido que a Xunta “leva moito tempo demorando a negociación sobre diversas cuestións introducidas polos representantes dos bombeiros na proposta de acordo do convenio, e cando por fin arrancou o proceso, deixou plantada á mesa negociadora o pasado luns” ao non acudir a cita á que foi convocada cos comités de empresa e coa Deputación. Unha actitude que “demostra desconsideración e falta de respecto cara a plantilla e cara a institución provincial”.
Pilar García Porto asegurou que o delegado territorial do Goberno galego en Lugo “minte para tratar de escusarse”, pois o Presidente provincial, que preside o Consorcio, si que propuxo, por escrito, unha reunión previa coa Administración autonómica para abordar a proposta dos traballadores, algo que podemos probar documentalmente. O que pasa é que non asistiu ninguén da Xunta de Galicia”.
Polo tanto, insistiu a Voceira do Goberno, “reclamamos á Xunta que non retrase máis a negociación”. “Se ten algún interese en dilatar o proceso, terá que explicar por que”, incidiu a Deputada.
Así mesmo, García Porto recalcou, como xa fixo na reunión cos sindicatos do luns, na “total vontade de acordo” da Deputación para sacar adiante o convenio colectivo, e tamén o proceso para a estabilización laboral dos traballadores. De feito, a Deputación de Lugo promoveu un encontro con técnicos do resto de institucións provinciais, que xa se celebrou, para avanzar neste obxectivo, que responde ao cumprimento dunha sentenza do Tribunal Supremo.