A Deputación mobiliza máis de 423.800 euros en investimentos para 11 concellos e a mancomunidade da Comarca de Ourense

A Deputación de Ourense aprobou na Xunta de Goberno celebrada este luns a mobilización dun total de 423.825 para a execución de proxectos en distintos concellos da provincia e na Mancomunidade de Municipios da comarca de Ourense.
Con esta partida, a institución provincial busca reforzar a cooperación cos concellos e dar resposta ás necesidades reais do territorio, a través de actuacións que inciden directamente na mellora da calidade de vida da veciñanza. En concreto, as actuacións benefician aos concellos de Beariz, Boborás, Castrelo de Miño, Cortegada, Cualedro, O Irixo, Lobeira, Montederramo, Riós, San Cibrao das Viñas e Vilar de Barrio, ademais da Mancomunidade Voluntaria de Municipios da Comarca de Ourense.
Ente as intervencións aprobadas inclúense proxectos de mellora de camiños e viarios municipais, actuacións en infraestruturas de saneamento e abastecemento, iniciativas de eficiencia enerxética e alumeado público, así como investimentos en equipamentos e servizos municipais.
O presidente provincial, Luis Menor salientou que, a través destas achegas, institución “continúa a avanzar no seu compromiso cun modelo de provincia baseado na cooperación municipal, a cohesión territorial e o apoio aos concellos, especialmente aos de menor tamaño, facilitando a execución de proxectos que contribúen ao desenvolvemento equilibrado do territorio”.