A Deputación licita obras nun tramo que une Vilachá coa Pobra do Brollón
A voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou o proxecto e a licitación das obras de mellora en 8 quilómetros da vía LU-P-4702, que une o núcleo urbano de Vilachá coa Estación da Pobra do Brollón por Rozabales, no concello da Pobra do Brollón, cun orzamento de 92.500 euros. Levaranse a cabo melloras entre o punto quilométrico 2,570 ata o 10,400 nun prazo de tres meses.
García Porto informou de que o proxecto inclúe “a reapertura de cunetas e o posterior formigonado da vía provincial”. Esta vía xa foi renovada entre os puntos 1,200 e 2,400 e, polo tanto, con este arranxo quedaría rehabilitada do punto quilométrico 1,200 ao 10,400.
“A Xunta de Goberno desta semana é un exemplo máis do compromiso deste Goberno e do presidente coa rede viaria provincial. Cada venres estamos aprobando novas actuacións importantes nas estradas de titularidade provincial, o que dá boa conta de que a mellora das comunicacións é unha prioridade”, destacou a deputada provincial.