A Deputación licita as obras de mellora de tres estradas de Pantón

RibeiraSacraXa
A Deputación aprobou a licitación das obras para o acondicionamento de tres estradas de Pantón por un importe de máis de 205.000 euros.
miniatura obras estrada pantón escairón
18 Jun 2021

A voceira provincial socialista, Pilar García Porto, informou de que a Xunta de Goberno deste venres aprobou a licitación das obras para o acondicionamento do firme en tres estradas de Pantón por un importe total que supera os 205.000 euros.

En concreto, rehabilitarase o firme da estrada LU-P-4110, que conecta Arribada, na parroquia de San Fiz de Cangas, a Budián, en San Romao de Acebre, nun tramo de algo máis de 5 quilómetros; o da LU-P-4111, que comunica Santiago de Castillón desde Ferreira de Pantón, nun tramo de máis de 9 quilómetros, desde Santa Mariña de Eiré a Marce; e o firme da a LU-P-4114, que une Toldaos con Augas Santas, nun treito de preto de 4 quilómetros.

Os traballos consistirán na rehabilitación integral do firme destas estradas en treitos que suman en total 18 quilómetros e o prazo de execución será de 5 meses. A voceira socialista do Goberno destacou a importancia destas actuacións porque “son vías moi utilizadas polos veciños e veciñas do concello de Pantón”.

En materia de estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou a adxudicación dos dous últimos lotes que quedaban do contrato para o desbroce das estradas, por un importe que suma preto de 160.000 euros. Estes dous lotes afectan aos concellos de Mondoñedo, Abadín, Baleira, Baralla e Láncara.

A totalidade do contrato, dividido en 22 lotes, está adxudicado por un  importe de máis de 2,2M€, e terá vixencia este ano 2021 e o vindeiro 2022, coa opción de prórroga por outro ano máis. Os traballos de roza comezarán neste mes.

Así mesmo, a Xunta de Goberno acordou licitar o contrato para os servizos de mantemento e preparación dos camións, vehículos especiais e maquinaria do Parque Móbil e da Granxa Gayoso Castro por un importe de 54.000 euros e 15.000 euros, respectivamente. Son contratos dun ano de duración, prorrogables anualmente, sen que poidan exceder dos catro anos.

0.15966701507568