A Deputación levará a Pleno o 5 de abril a aprobación das obras do Plan Único
O Plan Único 2022 reparte 15M€ para obras; 3,5M€ para emprego e 3,2M€ para o Servizo de Axuda no Fogar.
O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, anunciou este luns que o Goberno elevará a un Pleno extraordinario, que se celebrará o vindeiro martes 5 de abril, o debate e aprobación da relación de actuacións e proxectos que os 67 concellos da provincia propuxeron para executar ao abeiro do Plan Único 2022, que nesta anualidade conta con 21,5M€ de fondos da institución provincial.
As entidades locais danlle prioridade aos investimentos -aos que dedicarán 14,6M€, preto do 70% do total dos fondos, para acometer máis de 560 obras e subministracións- seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€, cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,2M€ para atender a máis de 3.000 persoas. Dedicarán tamén 200.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da pandemia.
Para o Plan Único 2022, a Deputación achega 21,5M€, unha cantidade importante coa que o Goberno provincial reforza o seu compromiso de cooperación cos concellos para que poidan manter e mellorar a prestación de servizos á cidadanía. Este programa de investimentos inxecta en total máis de 25M€ de fondos públicos na sociedade e na economía sumando os 21,5M€ que dedica a institución provincial e as achegas dos concellos.
Este é o segundo ano consecutivo no que tanto as bases como as actuacións do Plan Único saen adiante con tanta antelación e o presidente destacou que é moi importante porque “permite aos concellos, tanto planificar as accións municipais con maior antelación, como traballar con máis previsión e tempo, co que aproveitan mellor os recursos económicos”.
Así mesmo, José Tomé destacou que cada ano “melloramos” as condicións do Plan Único “para que sexa máis útil” ás administración locais, destacando neste sentido que no 2022, como novidade, os concellos só deberán enviar a documentación que acredite e xustifique debidamente as actuacións realizadas, eliminando trámites intermedios. Desta forma, os concellos dispoñen de prazo máximo para executar as accións que contemplan no Plan Único ata o 31 de outubro de 2023 e para xustificar, o 15 de novembro do vindeiro ano.
Os concellos presentaron as súas propostas para investir estas importantes partidas económicas da institución provincial aos distintos programas establecidos: investimentos; Servizo de Axuda no Fogar (SAF); fomento do emprego; actividades culturais; actividades deportivas; actuacións/eventos turísticos; feiras e mercados; administración electrónica e protección de datos; protección civil; e emerxencia sanitaria coronavirus Covid-19.
Preto de 15M€ para obras e subministracións
Do importe total do Plan Único, preto de 15M€ vanse destinar a investimentos. Destacan as melloras e acondicionamento de estradas, accesos a núcleos de poboacións e pavimentación de vías públicas. En total son 562 obras ou subministracións, repartidas entre os 67 concellos da provincia. Estas actuacións servirán para renovar pavimentos de vías, pistas e camiños municipais, acometer redes de abastecemento de augas, mellora do alumeado público para facelo máis eficiente e dotar de novos puntos de luz a diferentes parroquias da provincia, mantemento e creación de parques e xardíns, realización de plans de ordenación de tráfico e estacionamento, contribuír á accesibilidade en vilas e parroquias, mellorar instalacións deportivas ou dotar aos concellos doutras novas e, en definitiva, á atención de necesidades que presenta cada unha das localidades en materia de infraestruturas.
3,5M€ para crear emprego
En relación co fomento do emprego, os concellos destinarán 3,5M€ a impulsar iniciativas que permitan a creación de postos de traballo. Un programa moi importante que permite que as persoas consigan asentarse no lugar onde residen e afrontar así o reto demográfico, á vez que se fai fronte ao desemprego e se xera riqueza en cada unha das localidades. En total, grazas ao Plan Único da Deputación, vanse crear 300 postos de traballo moi diversos, como peóns, arquitectos, socorristas, monitores turísticos, administrativos, enxeñeiros forestal ou conserxes, entre outros.
3,2M€ para axuda no fogar
En materia de servizos sociais, o Plan Único é o instrumento a través do que a Deputación financia o Servizo de Axuda no Fogar (SAF) aos concellos de menos de 20.000 habitantes. Recibirán máis de 3,2M€, cos que poderán atender a máis de 3.000 veciños e veciñas esta prestación social, que inclúe un conxunto de atencións e coidados moi variados e necesarios. En cada caso, realízase unha valoración técnica que dita que tipo de actuacións é necesario levar a cabo para dar unha resposta o máis axeitada posible. Entre esas actuacións inclúense atencións de carácter persoal na realización de actividades básicas da vida diaria no domicilio, acompañamento e seguimento de tramitacións e atención de carácter psicosocial e educativo enfocadas ao desenvolvemento das capacidades persoais básicas, entre outras, que contribúan a mellorar a calidade e ritmo de vida que levan.
O SAF, á súa vez, é un servizo que xera un gran volume de emprego nas distintas localidades da provincia. A maior parte das persoas que traballan no SAF son mulleres que residen no propio municipio, un feito que lles permite desenvolver a súa vida profesional sen ter que realizar grandes desprazamentos e avanzar en materia de conciliación.
200.000€ para medidas Covid
Así mesmo, o Plan Único recolle nesta anualidade a liña que se creou no 2020 para que as entidades municipais puidesen facer fronte a gastos derivados da pandemia da Covid-19. En total, os concellos decidiron destinar neste ano 2022 máis de 200.000€ para esta finalidade, co que poderán mercar material de protección, conceder axudas directas a autónomos e empresas ou lanzar programas que contribúan a paliar os efectos e consecuencias da pandemia na súa localidade.
Por outra banda, ao abeiro do Plan Único, os concellos incluíron actividades ou eventos de promoción turística. Para este programa destinaranse 149.264€ para o total dos municipios, entre os que destacan a Festa da Faba de Lourenzá; rutas xeolóxicas en Burela; a promoción da castaña no Courel; o impulso do proxecto Gumiralia, do Concello da Pobra do Brollón, ou entre outras, a promoción de localidades coma Monforte de Lemos e O Vicedo.
Así mesmo, este ano os concellos seguen apostando por investir na mellora da administración electrónica e de protección de datos, un programa que ascende a 179.102,93€ no seu conxunto, superando a cantidade destinada en anos anteriores (145.000€ no ano 2021, 140.000€ na anualidade 2020 e 105.000€ no 2019). Un total de 15 concellos da provincia contemplan fondos para esta finalidade.
O Plan Único tamén inclúe nas súas bases un apartado propio para Protección Civil ao que poden acceder aqueles concellos que dispoñen destas agrupacións. Neste programa este ano vanse incluír gastos correntes relativos a estas unidades que ascenden a 14.500€.
En canto ao programa relativo a feiras, mercados e outros, nesta anualidade os municipios decidiron destinar preto de 115.447€, unha cantidade que medra de xeito significativo respecto anualidades anteriores, nas que a pandemia impediu a celebración de eventos que congregasen a grandes grupos de persoas. A Deputación colabora así con algún dos eventos máis importantes da provincia como a Feira do Butelo da Fonsagrada; a cita co Pemento de Mougán e da Feira de Grelos en Guntín; a Feira do Queixo e do Gando de Pedrafita do Cebreiro ou a Feira do Viño de Amandi de Sober.
Pola súa banda, en actividades culturais tales como escolas de música, teatro ou actuacións ou eventos que se celebren no ano 2022, o orzamento ascende a máis de 400.000€.
A Deputación fomenta, así mesmo, o deporte a través deste plan de cooperación. Un total de preto de 220.000€ van destinados a gastos de escolas deportivas, cursos de ximnasia, carreiras populares ou calquera outro evento co espírito de promover os hábitos saudables dende a óptica deportiva.
Autonomía e responsabilidade municipal
Co Plan Único, o principal instrumento de cooperación cos concellos da institución provincial, a Deputación de Lugo dá resposta a situacións e necesidades concretas de cada concello, reforzando a súa autonomía xa que son eles os que deciden en que e como gastar as achegas.
O Plan Único de Cooperación cos Concellos garante a distribución de fondos públicos con total transparencia e con criterios públicos e obxectivos, como son a poboación, a superficie, a dispersión territorial e a taxa de envellecemento, un feito que favorece a equidade e o desenvolvemento equilibrado da sociedade e do territorio. Ademais, establece unha contía máxima de 500.000€ e mínima de 200.000€, en función destes criterios, para blindar o financiamento daqueles concellos máis pequenos.
Este programa é a mellor mostra de que a suma de esforzos, entre Deputación e os concellos, multiplica os resultados. A día de hoxe é unha fonte de recursos fundamental para impulsar o desenvolvemento e a cohesión social e territorial dos 67 concellos de Lugo a través da dotación, a mellora e o mantemento de servizos e infraestruturas.