A Deputación investirá 182.000 euros na LU-P-1809 que comunica Chantada, Taboada e Antas de Ulla

RibeiraSacraXa | LugoXa
La Diputación de Lugo invertirá 182.000 euros en la carretera LU-P-1809 que comunica Chantada, Taboada y Antas de Ulla.
LU P 1809
12 Abr 2022

A Deputación de Lugo mellorará a estrada provincial LU-P-1809 que comunica Chantada, Taboada e Antas de Ulla cun investimento de preto de 182.000 euros. O proxecto inclúe a renovación de practicamente o conxunto da vía, actuando en máis de 20 quilómetros dos preto de 25 quilómetros que ten.

As obras consistirán na reapertura de cunetas, saneamento da explanada e do firme nas zonas onde existen un blandón, tamén na reparación de fochancas e afundimentos que presente a vía e na repavimentación. Actuarase no treito comprendido entre os quilómetros 3,6 ao 23,8.

A Xunta de Goberno provincial acaba de aprobar a adxudicación dos traballos á empresa Construcciones Leonardo Miguélez SL. Estes avances na vía beneficiarán a numerosos veciños e veciñas da comarca da Ulloa que utilizan a diario esta estrada.

O Presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, salienta a importancia destes traballos e recalca que “a mellora das comunicacións é unha prioridade para o Goberno”. Detalla, así mesmo, que “defendemos a mobilidade como un dereito básico dos veciños e veciñas da provincia porque cremos que unha boa rede de estradas é fundamental para o equilibrio territorial e para o desenvolvemento do rural, porque axuda a fixar poboación e a achegar os servizos”.

A institución provincial destina 17,3M€ dos seus Orzamentos para o 2022 ás tarefas de mellora do firme, roza de maleza, conservación e mantemento da rede viaria provincial, a máis extensa de todo o Estado e tres veces maior ca da Xunta en Lugo.

0.15780282020569