A Deputación inicia unha campaña para impulsar o turismo

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Arrinca a acción formativa Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais, como apoio ao turismo e á hostalería.
Formacion turismo deputacion
10 Mar 2021

A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, anunciou este martes a posta en marcha da acción formativa Promoción e Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais, unha nova iniciativa promovida pola Deputación de Lugo dentro do seu apoio a unhas das actividades económicas máis prexudicadas pola pandemia como son o turismo e a hostalería.

Cincuenta traballadores e traballadoras de entidades locais e membros das corporacións municipais da provincia poderán beneficiarse desta formación en liña de 100 horas de duración. Tal e como recolle o Boletín Oficial da Provincia (BOP) de onte, as persoas interesadas poden inscribirse ata o próximo día 17 de marzo, ás 13:00 horas. Para facelo, deberán enviar a documentación solicitada ao correo formacion@deputacionlugo.org

García Porto sinalou a importancia desta formación para favorecer a recuperación do turismo e o impulso á economía. “Dentro das competencias e cos recursos dos que dispoñemos, dende a Deputación de Lugo seguimos traballando para apoiar ao sector con esta nova acción, coa que dotamos de ferramentas aos concellos da provincia para que adquiran a capacidade suficiente como para desenvolver e xestionar produtos turísticos. Para iso, abordaranse estratexias de comercialización de produtos locais e o uso do marketing de servizos na creación e promoción dos recursos da contorna local ou comarcal”, subliñou a Deputada de Promoción do Territorio e Turismo.

Esta medida enmárcase no Plan de Impulso da Economía da Provincia, promovido pola institución provincial para apoiar aos sectores produtivos máis afectados polas restricións sanitarias, sobre todo a hostalería, o turismo e o comercio local, con accións que combinan, por unha parte, a inxección directa de recursos, e, por outro, a creación de valor engadido e a xeración dun efecto multiplicador na economía para favorecer unha recuperación sostible, estable e eficaz do tecido produtivo.

A formación, que comezará o día 5 de abril e se estenderá ata o 15 de xuño, conta con catro bloques de formación, nos que se analizarán o Marketing Turístico; Proxectos de Comercialización de Produtos e Servizos Turísticos Locais; O Sistema de Relación Cliente-Empresa no sector da Hostalería e o Turismo; e a Utilización das Tecnoloxías da Información na Promoción do Destino e para a Creación e Promoción de Produtos Turísticos no Entorno Local. Unha vez rematada a formación, o alumnado que a supere recibirá un diploma acreditativo.

Favorecer o sector turístico

Este plan formativo enmárcase no compromiso da Deputación de Lugo de loitar contra os efectos da crise sanitaria no sector turístico e hostaleiro. A Deputación incrementou no Orzamento de 2021 un 10% as partidas dedicadas ao eido do turismo, ata chegar aos 3M€. Ademais, o Plan de Impulso da Economía da Provincia de Lugo contempla unha inxección económica de máis de medio millón de euros nos negocios hostaleiros e comerciais co reparto de 17.000 bonos, que terán un beneficio directo e inmediato, ademais de dous programas que fomentarán o turismo de proximidade: Coñece a túa provincia, que promoverá viaxes dunha xornada, en pequenos grupos e por distintos puntos da xeografía lucense; e Saborea a túa provincia, que fomentará o consumo dos produtos lucenses a través de xornadas gastronómicas e lúdicas por toda a provincia.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.12639117240906