A Deputación inicia un programa de difusión do galego nos institutos da provincia

TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
A mostra, comisariada por Pepe Cunha e deseñada por Belen Freijeiro, abriu en Sarria e chegará a outros sete centros
galegoza-exposicion-sarria
10 Out 2024

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo puxo en marcha Galegoza. A canción en galego, unha iniciativa coa que pretende dar a coñecer ao público máis novo a amplísima oferta musical en galego e o momento excepcional que está a vivir o panorama musical no país.

O programa artéllase arredor dunha exposición que repasa o percorrido histórico da música en galego desde os anos sesenta, desde a música tradicional e a canción protesta do século pasado ata a variedade de estilos nos que se fai música en galego nos últimos anos: ritmos tradicionais revisados e actualizados, pop, rock, canción de autoría, experimentación e electrónica, músicas urbanas, hip hop ou rap.

Os 16 paneis que forman a mostra, comisariada por Pepe Cunha e deseñada pola directora de arte Belén Freijeiro, describen esta evolución a través das bandas e solistas máis representativas e incorporan códigos QR cunha ligazón directa á lista de reprodución Galegoza para poder escoitalas.

O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro e a deputada de Cultura Iria Castro achegáronse esta mañá ao IES Xograr Afonso de Sarria , o primeiro centro de secundaria en acoller esta mostra, onde convidaron ao alumnado a deterse na exposición e achegarse a través dela á música que se está a facer en Galiza.

Os responsables provinciais destacaron tamén a potencialidade das cancións en galego como ferramentas para a dinamización da lingua, subliñando que o momento excepcional que está a vivir a música en galego e as facilidades de escoita que ofrecen as novas tecnoloxías supoñen unha oportunidade que, con iniciativas coma esta, tratamos de aproveitar.

A exposición permanecerá ata o 23 de outubro no instituto de Sarria, e chegará despois a outros sete centros espallados pola provincia: o IES Pedregal de Irimia de Meira, o IES Monte Castelo de Burela, o IES Dionisio Gamallo de Ribadeo, o IES da Terra Chá en Vilalba, o IES Lama das Quendas, en Chantada, o IES Río Cabe de Monforte e o IES de Quiroga.

Cada centro contará para a inauguración da mostra cunha charla de Pepe Cunha e cunha unidade didáctica arredor da exposición para facilitarlle o traballo ao profesorado e introducir a música en galego noutros proxectos.

0.18633699417114