A Deputación impulsará cursos e demostracións de artesanía por toda a provincia

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Os profesionais que desexen acollerse ao programa Mans Artesás deben inscribirse a través dun formulario
mans-artesas-presentacion
12 Feb 2026

A Vicepresidencia da Deputación de Lugo pon en marcha unha nova iniciativa de promoción da artesanía, o programa Mans artesás, co que profesionais da provincia ofrecerán demostracións, obradoiros e cursos de diferentes oficios tradicionais e manuais.

Cestería, olería, traballo con coiro, técnicas de tecido ou torneado e tallado de madeira son algunhas das actividades incluídas neste programa, que se desenvolverán en función da dispoñibilidade das artesás e artesáns participantes.

O vicepresidente da Deputación de Lugo e responsable da área de Artesanía e Deseño Efrén Castro explicou que “o programa pretende fomentar a presenza da artesanía e dos oficios tradicionais en feiras e actos culturais ou de promoción do territorio e na oferta de actividades formativas ou lúdicas que ofrecen asociacións e colectivos veciñais ao longo do ano”.

O responsábel provincial destacou que “a iniciativa amplía o apoio que se ofrece desde a institución provincial a un sector que conserva, difunde e actualiza coñecementos e técnicas que forman parte do noso patrimonio inmaterial e que desenvolve unha actividade económica sostible, ligada ao territorio e ao consumo responsable”

Mans Artesás ofrece a asociacións e entidades sen ánimo de lucro a posiblidade de incluíren demostracións, obradoiros e cursos dentro das súas programacións ou eventos, de forma gratuíta, xa que as artesás e artesáns son retribuídos pola área de Artesanía e Deseño.

- Demostración; destinada a promover a percepción por parte do público en xeral dun determinado labor artesanal nun contexto de desenvolvemento nunha feira, festa ou outros eventos públicos xeralmente vencellados coa promoción da artesanía.

- Obradoiro: espazo de aprendizaxe e práctica dunha actividade artesanal, interactuando co público nun contexto de desenvolvemento nunha feira, festa ou outros eventos públicos vencellados coa promoción da artesanía.

- Curso: adquisición de coñecementos e habilidades prácticas para desenvolver un oficio artesanal. Terá unha duración máxima de 24 horas, establecéndose un mínimo de tres horas por xornada. O número de alumnas e alumnos será, con carácter xeral, dun mínimo de oito e un máximo de doce.

Os profesionais da artesanía que desexen acollerse ao programa Mans Artesás deben inscribirse a través dun formulario de adhesión dispoñible na web cultura.deputacionlugo.gal, no que se especifican os requisitos a cumprir.

As asociacións e colectivos interesados en programar estas actividades deben remitir un correo electrónico a formacion.centrad@deputacionlugo.org cunha antelación mínima de 20 días con respecto á data de inicio da actividade. As solicitudes atenderanse por orde de recepción e até esgotar o orzamento previsto, de 70.000 euros.

⚙ Configurar cookies
0.075603008270264