A Deputación envía 100.000 euros á Federación veciñal valenciana

LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
O presidente, José Tomé Roca, propuxo esta medida na Xunta de Goberno celebrada este venres que saíu adiante
todos-con-valencia
8 Nov 2024

O presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca, decidiu este venres que a institución provincial destine unha achega económica de 100.000 euros á Federación Valenciana de Municipios e Provincias (FVMP) para colaborar nos esforzos de recuperación tras os devastadores efectos da DANA que afectou á Comunidade Valenciana.

Así informou o Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, tras a celebración da Xunta de Goberno. Detallou que a medida adoptouse para sumar esforzos para contribuír con rapidez á mitigación dos danos, especialmente para apoiar ás persoas en situación de maior risco e vulnerabilidade. Esta achega económica da Deputación de Lugo busca, ademais de amosar solidariedade, ofrecer un apoio práctico para cubrir necesidades básicas e asistir no proceso de recuperación emocional e social de quen se viu afectado.

“Non só é unha achega da Deputación, senón tamén de todos os veciños e veciñas da provincia fronte á terrible catástrofe que asolou a unha gran parte da comunidade valenciana. Houbo grandes danos persoais e materiais que esixen dunha actuación inmediata, sendo unha cuestión humanitaria, porque moitas persoas perdérono todo”, detallou Rivera Capón.

A FVMP, en colaboración coa Generalitat Valenciana, a Deputación de Valencia e outras organizacións non gobernamentais, está a coordinar a canalización de axudas e doazóns para distribuílas entre os municipios máis afectados. A través desta colaboración coa FVMP, a Deputación de Lugo quere colaborar coas persoas e comunidades que máis o precisan, confiando en que a súa achega contribuirá á recuperación e benestar dos cidadáns da Comunidade Valenciana.

Como consecuencia deste fenómeno meteorolóxico extremo, a Comunidade Valenciana sufriu graves danos materiais e persoais, con destrución de infraestruturas e perdas en bens públicos e privados. As consecuencias da DANA deixaron a moitas persoas en situación de extrema vulnerabilidade, “con perdas irreparables que esixen unha resposta inmediata e coordinada para atender tanto ás súas necesidades básicas como para iniciar o camiño de recuperación”.

0.19550395011902