A Deputación destina 250.000 euros ao Concello de Quiroga para mellorar estradas e servizos e dinamizar o turismo

RibeiraSacraXa
Entre outras actuacións, melloraranse accesos nas parroquias de Nocedo, Quiroga e Quintá de Lor, onde tamén se acondicionará o local social de Margaride
dep-lugo-concello-quiroga
23 Sep 2025

A Deputación de Lugo e o Concello de Quiroga asinaron esta mañá un acordo polo cal a institución provincial comprométese a destinar unha achega próxima aos 250.000 euros para mellorar estradas, servizos e dinamizar o turismo. O convenio foi rubricado este martes no Pazo de San Marcos polo presidente provincial, José Tomé Roca, e o alcalde, José Luis Rivera Castro.

O investimento total, próximo aos 300.000 euros, destinarase a mellorar accesos nas parroquias de Nocedo, Quiroga e Quintá de Lor, onde tamén se acondicionará o local social de Margaride, á adquisición dun novo camión de recollida do lixo e á financiación dun programa de actividades turísticas e deportivas.

Con estas actuacións búscase reforzar servizos básicos nun municipio que conta con 317 quilómetros cadrados, 22 parroquias e 123 entidades de poboación, e que ata agora dispoñía dun único vehículo para a recollida de residuos.

O presidente da Deputación subliñou que “continuamos traballando da man dos concellos para achegar dotacións e servizos públicos ao rural da nosa provincia”. Engadiu ademais que “hoxe formalizamos a colaboración con Quiroga e Samos porque nós miramos as necesidades, non as cores políticas”, en referencia ao carácter transversal deste tipo de convenios.

No ámbito turístico, o convenio permitirá poñer en marcha a segunda edición dun programa de actividades de lecer que inclúe máis dunha ducia de propostas con 340 prazas. Entre elas destacan rutas de sendeirismo, barranquismo, parapente ou visitas guiadas, co obxectivo de dar a coñecer o patrimonio natural e cultural do municipio.

⚙ Configurar cookies
0.1013879776001