A Deputación de Ourense organiza un curso de poda rexenerativa dirixida aos viticultores da provincia

RibeiraSacraXa | OurenseXa
Será os días 6 e 7 de marzo e estará centrado en aumentar a vida útil das cepas e promover prácticas máis sostibles
curso-poda-deputacion-de-ourense
3 Mar 2026

A Deputación de Ourense, a través do Inorde, pon en marcha unha actividade formativa centrada na poda rexenerativa e de “respecto” no viñedo, co obxectivo de aumentar a vida útil das cepas e promover prácticas máis sostibles no sector vitivinícola.

O curso celebrarase os días 6 e 7 de marzo, combinando sesións teóricas no Centro de Desenvolvemento Agrogandeiro de Xinzo de Limia e prácticas na leira experimental situada xunto ao Castelo de Monterrei. Durante estas xornadas, os viticultores poderán aplicar directamente técnicas que eviten a deterioración prematura das plantas, revertendo a tendencia actual na que as novas plantacións apenas alcanzan os 25 anos de vida, fronte aos máis de 80 anos das viñas vellas.

A formación está impartida polos enxeñeiros agrícolas Enrique Santiago Pérez Espiño, técnico da DO Valdeorras, e Ricardo Dobao Macía, director técnico de Adega A Coroa. O venres dedicarase á parte teórica, na que se abordarán conceptos de fisioloxía da vide, os efectos das feridas de poda e os erros máis frecuentes no cultivo. O sábado realizarase a xornada práctica, aplicando sobre o terreo as técnicas de poda de respecto aprendidas.

Esta iniciativa enmárcase no proxecto transfronteirizo Circular Systems, financiado con fondos FEDER dentro do Programa de Cooperación Interreg VI A España-Portugal (POCTEP) 2021-2027. O proxecto busca desenvolver solucións de economía circular que permitan mellorar a sustentabilidade dos ecosistemas vitivinícolas e frear a degradación das cepas.

0.11799597740173