A Deputación de Ourense mobiliza todos os seus efectivos para loitar contra os incendios na provincia

A Deputación ten mobilizados todos os seus medios materiais e humanos de emerxencias para colaborar coa Xunta de Galicia e co Estado na loita contra os lumes forestais que están a asolar a provincia. Así o puxo de manifesto o xefe de Emerxencias da institución provincial, José Ramón Sánchez Feijóo, logo da reunión celebrada no Centro de Coordinación Operativa (CECOP).
Así, os efectivos e medios materiais dos parques de bombeiros do polígono industrial de San Cibrao das Viñas, Xinzo, Verín, Valdeorras e O Carballiño están actualmente despregados por todos os puntos nos que hai lumes, entre eles Maceda e Chandrexa de Queixa declarados en situación 2 por atoparse preto de vivendas.
Ademais dos vehículos dos diferentes parques mobilizados, tamén se activou unha nodriza para facilitar a carga de auga os vehículos que traballan no incendio de Maceda. Do mesmo xeito, os medios provinciais están actuando en focos activos (Calveliño e Santiso, en Maceda; así como en A Mezquita), así como en alerta e servindo de apoio en lugares como Verín ou Carballiño.
“Desde a Deputación estamos en contacto permanente co CECOP e con todos os medios dispoñibles para colaborar e actuar en todos cantos lugares se nos requira”, sinala Sánchez Feijóo.