A Deputación de Ourense mobiliza 1,58 millóns en axudas a concellos e entidades sociais

RibeiraSacraXa | OurenseXa
No ámbito municipal, asignáronse 743.969,47 euros para obras e servizos nos concellos de Vilamarín, A Veiga, Ribadavia, A Pobra de Trives, Petín, Pereiro de Aguiar, Esgos, Boborás, Beade e Os Blancos
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
Xunta de Goberno da Deputación de Ourense
22 Sep 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense aprobou esta semana a concesión de axudas por un total de 1.580.947,82 euros destinadas á cooperación con municipios e diferentes entidades da provincia.

No ámbito municipal, asignáronse 743.969,47 euros para obras e servizos, principalmente para mellora de vías, camiños e rúas, nos concellos de Vilamarín, A Veiga, Ribadavia, A Pobra de Trives, Petín, Pereiro de Aguiar, Esgos, Boborás, Beade e Os Blancos.

En canto á colaboración con entidades sen ánimo de lucro para proxectos de carácter social, a Xunta de Goberno resolveu o concurso de subvencións para este ano, destinando 349.978,35 euros a un total de 53 entidades. Entre os beneficiarios están asociacións como Crohn e Colite Ulcerosa, Discafis-Cogami, Autismo Ourense, Fundación Secretariado Gitano, Asociación de Esclerose Múltiple, Fundación Renal Española, Cáritas, Asociación Española contra o Cancro, Redmadre Ourense ou a Federación de Mulleres Rurais FEMURO, entre outras. Estes apoios permitirán desenvolver proxectos sociais, educativos e de saúde en distintos ámbitos da provincia.

Ademais, outras entidades recibiron axudas específicas, como os 75.000 euros concedidos á Asociación de Empresarios do Polígono de San Cibrao das Viñas para a reforma e mellora do local de bombeiros, 50.000 euros para o mantemento das instalacións do Club Náutico de Castrelo de Miño, e 12.000 euros para a Asociación Cultural e Deportiva Ka-Torce.
Estas iniciativas buscan reforzar a cooperación provincial e apoiar proxectos sociais, culturais e de infraestruturas que benefician directamente á cidadanía de Ourense.

⚙ Configurar cookies
0.10422611236572