A Deputación de Ourense contempla nos orzamentos liquidar a débeda na estación de Manzaneda
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, avanzou no Parlamento de Galicia que os orzamentos para 2025 alcanzan “unha cifra inédita para a nosa institución: 105 millóns de euros”, o que supón algo máis do 9,3 % de aumento con respecto ao vixente exercicio (96 millóns de euros) e permite aumentar os recursos financeiros en todos os capítulos.
Un dos aspectos destacados polo presidente provincial foi a situación financeira das arcas provinciais, “sen débedas”. Se en outubro do pasado ano cancelábase o único préstamo que mantiña a Deputación con entidades financeiras (2,8 millóns de euros), un ano despois acábase de aprobar unha partida de 1,5 millóns que permitirá liquidar a débeda que lle corresponde a institución provincial na sociedade Meisa, que xestiona a estación de montaña de Manzaneda.
Este paso axudará a centrar todos os esforzos na promoción da estación de montaña, sexa para a práctica do esquí ou como unha opción turística e de ocio desestacionalizado.