A Deputación de Ourense aproba o Plan Provincial de Vivenda para impulsar o rural

RibeiraSacraXa | OurenseXa
O plan está dotado con 500.000 euros e busca incrementar o parque público de vivenda en alugueiro e facilitar o acceso á vivenda no rural
menor-xunta-de-goberno
30 Mar 2026

A Deputación de Ourense deu luz verde este luns en Xunta de Goberno ao Plan Provincial de Vivenda, unha iniciativa dotada con 500.000 euros que permitirá a 14 concellos financiar a adquisición, rehabilitación e mellora de vivendas destinadas ao alugueiro residencial. Este programa, posto en marcha en 2025 tras un acordo plenario unánime, busca facilitar o acceso á vivenda e favorecer a fixación de poboación no medio rural, reforzando así a dinamización demográfica da provincia.

Os concellos beneficiarios desta convocatoria son: Larouco (40.000 euros), Parada de Sil (40.000 euros), Calvos de Randín (40.000 euros), Xunqueira de Espadanedo (40.000 euros), Vilar de Santos (40.000 euros), Porqueira (19.600 euros), A Veiga (40.000 euros), Verea (28.103,47 euros), Cortegada (40.000 euros), Entrimo (29.440,80 euros), A Bola (40.000 euros), Carballeda de Avia (40.000 euros), Muíños (40.000 euros) e Bande (22.855,73 euros).

Estas actuacións permitirán incrementar o parque público de vivenda en alugueiro e facilitar o acceso á vivenda no rural, contribuíndo á fixación de poboación e á dinamización demográfica da provincia. Ademais, o presidente lembrou que no último pleno da Deputación aprobouse unha modificación de crédito por importe de 1,2 millóns de euros, máis do dobre que o ano pasado, para dar continuidade a esta liña estratéxica. O plan, subliñou o presidente provincial, “está a consolidarse como unha ferramenta clave para afrontar o reto demográfico e dar oportunidades reais aos concellos do rural”.

Ademais, a institución provincial aprobou un conxunto de axudas directas a 11 concellos por un importe total de 431.265,36 euros, destinadas a mellorar infraestruturas e servizos municipais. Entre as actuacións destacan intervencións en Carballeda de Valdeorras, A Rúa, Vilamartín de Valdeorras e Maceda, así como melloras en Melón, Amoeiro e Viana do Bolo, entre outros concellos como Baltar e Castrelo de Miño.

0.11683011054993