A Deputación de Lugo reedita o Premio ao Turismo Sostible

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
A Deputación de Lugo reedita o Premio ao Turismo Sostible que naceu na última edición dos galardóns á excelencia turística e gastronómica.
consello provincial de turismo
18 Feb 2023

Pilar García Porto presidiu a primeira reunión do ano do Consello Provincial de Turismo, no que se aprobou a continuidade deste recoñecemento, que naceu na última edición dos galardóns á excelencia turística e gastronómica con motivo da celebración na provincia da Copa de España Creativa.

A vicepresidenta do Consello Provincial de Turismo e deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, presidiu este venres a primeira reunión do ano deste órgano participativo e consultivo da Deputación de Lugo. A proposta da institución provincial, os asistentes aprobaron a reedición do Premio ao  Turismo Sostible, creado na pasada edición dos galardóns á excelencia turística e gastronómica coa finalidade de recoñecer iniciativas que contribúan á sustentabilidade turística no eido social, económico e medioambiental.

García Porto destacou a importancia de manter este recoñecemento, que “reforza as liñas de traballo que impulsamos dende a institución provincial para consolidar un modelo de turismo de calidade e sostible, con capacidade para atraer visitantes durante todo o ano, que pon en valor o patrimonio e que contribúe a xerar riqueza e emprego, sobre todo no rural”.

“En 2022 apostamos por crear este galardón de xeito puntual como organizadores do VIII Foro Cidades e Territorios Creativos de España, do que fomos anfitrións como gañadores da Copa de España Creativa, pero creemos que mantelo no tempo é unha oportunidade para todas as empresas e entidades da provincia”, explicou.

Na primeira entrega do Premio ao Turismo Sostible, foi recoñecido o proxecto das Cabanas das Chousas polo seu labor de coidado e protección do medio ambiente co uso de caldeiras de biomasa, o bo mantemento do espazo para a prevención dos incendios forestais ou a instalación de contedores de reciclaxe. As Cabanas están situadas a varios metros do chan, nun bosque autóctono e están totalmente mimetizadas e integradas co entorno.

O Consello Provincial de Turismo é un órgano participativo e consultivo creado pola Deputación para promover accións en impulso do destino turístico da provincia. Está formado por 24 persoas relacionadas co turismo lucense representando a entidades, institucións e asociacións.

0.2994339466095