A Deputación de Lugo pon en valor a cantidade de persoas interesadas nas viaxes en catamarán polo Canón do Sil
A Deputación de Lugo xa puxo en marcha a nova temporada dos catamaráns que percorren a ruta fluvial Canón do Sil cunha grande aceptación, xa que xa hai 75.000 prazas reservadas na primeira semana de venda de billetes.
A viaxe polo Miño conta con preto de 1.200 reservas, e as restantes, unhas 6.300, son viaxes que se farán polo río Sil.
A Deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo celebrou o éxito desta viaxes turísticas que parten do embarcadoiro da Deputación de Lugo Ponte de Sil, en Monforte de Lemos, e a Ruta Fluvial do Cabo do Mundo, que sae de Belesar Pobo, no Saviñao.
“Seguimos consolidando as rutas fluviais pola Ribeira Sacra como un reclamo de primeira orde para incentivar así a actividade económica, e facémolo a través do modelo de turismo polo que traballamos dende a Deputación, sostible, de calidade, de experiencias, que coida o patrimonio e que deixa valor no territorio”, subliñou García Porto, quen lembrou que as viaxes arrancarán o vindeiro 1 de abril, nas vésperas de Semana Santa.
Información e reservas
As reservas poden facerse a través da páxina web reservas.rutasembalses.es na que, ademais, as persoas interesadas poderán coñecer todos os detalles das diferentes viaxes.
O portal posto en marcha o pasado ano pola Deputación de Lugo ofrece a posibilidade de modificar as reservas, coñecer a normativa vixente e coñecer toda a información precisa para realizar a viaxe.
Os usuarios e usuarias poden consultar as tarifas e os prezos reducidos para xente nova, estudantes, persoas xubiladas, persoas en situación de desemprego e familias numerosas, así como que os nenos e nenas de ata 3 anos viaxan de balde.
Horarios das viaxes
No caso da ruta fluvial Canón do Sil funcionarán dúas travesías cunha capacidade total de 159 prazas, distribuídas en 107 prazas no catamarán Mencía e 52 no monocasco Canón do Sil.
Pola súa banda, a ruta fluvial Cabo do Mundo contará cunha capacidade total de 63 viaxeiros.
En abril, con motivo da Semana Santa, haberá servizo ininterrompido do sábado 1 ao domingo 9, en horario de mañá e de tarde.
O resto do mes, os catamaráns da Deputación navegarán de mércores a domingo pola ruta Canon do Sil e no caso de Cabo do Mundo haberá viaxes as fins de semana.
Igual que durante o mes de maio, no que tamén haberá servizo en ambas rutas o primeiro luns do mes, pola festividade do Traballo, e o día 17, con motivo das Letras Galegas.
No Canón do Sil, en xuño, xullo, agosto e setembro, haberá rutas de luns a domingo, en horario de mañá, tarde e noitiña.
A partir do 1 de outubro pasarán a funcionar de mércores a domingo e no mes de novembro as fins de semana.
Tamén haberá servizo en horario de mañá e de tarde o mércores 1 de novembro, coincidindo co día de Todos os Santos.
No caso da viaxe que parte de Cabo do Mundo, en xuño habilítanse viaxes de mércores a domingo con tres frecuencias horarias.
Para xullo, agosto e setembro o servizo funcionará durante toda a semana.
A partir do 1 de outubro e ata a ponte de decembro pasarán a funcionar só as fins de semana, a excepción da ponte do 12 de outubro, que haberá viaxes do mércores ao domingo, e a ponte de Todos os Santos, que haberá servizo tamén o 1 de novembro.
Ambas rutas rematarán a temporada a final de ano, con viaxes todos os días do 2 ao 10 de decembro.