A Deputación de Lugo ofrece dez experiencias únicas e gratuítas con 'Encoro Aventura'

A Deputación de Lugo vén de presentar 'Encoro Aventura', un programa de actividades gratuítas que se desenvolverá entre o 28 de xuño e o 13 de xullo nas contornas dalgúns dos principais encoros da provincia.
Trátase de dez experiencias exclusivas e personalizadas nas que participarán 140 persoas e para as que será imprescindible reservar praza a través da páxina web da Deputación.
A deputada de Réxime Interior, Promoción do Territorio e Turismo, Pilar García Porto, destacou que se trata dunha aposta por un turismo de calidade, sostible e baseado na experiencia directa co territorio.
As actividades combinarán deportes acuáticos, BTT, sendeirismo científico e literario, astronomía, música, enoturismo e benestar, e desenvolveranse nas zonas dos encoros de Santo Estevo, Os Peares, Belesar e Grandas de Salime, implicando aos concellos de Monforte de Lemos, Sober, Pantón, O Saviñao, Chantada, Portomarín e Negueira de Muñiz.
"Encoro Aventura" enmárcase no proxecto estatal Turembalses, impulsado polo Ministerio para aproveitar o valor turístico destas infraestruturas hidráulicas, e do que a Deputación lucense recibe 127.500 euros dos 700.000 totais procedentes de fondos europeos. Segundo explicou a deputada, as actividades están deseñadas para grupos reducidos de ata 12 persoas e buscan unha inmersión emocional e activa no patrimonio, a paisaxe e a cultura locais.
Programa de actividades
-
Tarde de pedra e ecos – 28 de xuño, 17:30 h, Igrexa de San Xoán de Portomarín
Visita guiada, pícnic ao aire libre e concerto de música medieval a cargo do grupo Canta Compaña. -
Baixo as estrelas de Negueira de Muñiz – 28 de xuño, 19:00 h, Negueira de Muñiz
Visita a unha cooperativa local, cata e ruta gastronómica, seguida dunha observación astronómica con experto. -
Bancais sobre rodas – 29 de xuño, 10:00 h, Encoro de Santo Estevo
Roteiro en bicicleta de 18 km pola Ribeira Sacra, con paradas en miradoiros e restos arqueolóxicos. -
Remando pola memoria do Sil – 4 de xullo, 15:00 h, Embarcadoiro de Ponte do Sil
Travesía en caiac polos canóns do Sil. -
Baño de bosque na Embelesadora – 5 de xullo, 12:00 h, Ruta da Embelesadora, Taboada
Percorrido sensorial guiado e almorzo con produtos locais. -
Maridaxe estelar – 5 de xullo, 22:00 h, Presa dos Peares
Observación do ceo nocturno, visita a unha bodega e pícnic. -
Entre rochas e raíces – 6 de xullo, 10:00 h, Lugar de Chancís e Petroglifos de Nogueira
Ruta sobre xeoloxía, botánica e ciencia desde o miradoiro do encoro de Santo Estevo. -
“Todo esto te daré” – 11 de xullo, 17:00 h, Aldea de Belesar, Os Peares
Visita literaria con lectura de fragmentos da novela de Dolores Redondo polos escenarios reais da obra. -
Ioga entre viñedos – 12 de xullo, 10:00 h, Santa María de Pesqueiras, Encoro de Belesar
Paseo de activación, sesión de ioga ao aire libre e xantar con produtos locais da Ribeira Sacra. -
Artes e oficios do Miño – 13 de xullo, 10:00 h, Encoro dos Peares
Ruta polo sendeiro do Pincelo con obradoiro de cestería tradicional.