A Deputación de Lugo mobiliza efectivos de bombeiros para apoiar na vaga de incendios de Ourense

GaliciaXa | LugoXa | TerraChaXa | SarriaXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
José Tomé destaca a colaboración co Cecopi e envía unha mensaxe de solidariedade á veciñanza afectada
BOMBEIROS-LUGO-Apoio-aos-lumes-dende-o-Consorcio
16 Aug 2025

O presidente da Deputación de Lugo e do Consorcio Provincial de Bombeiros, José Tomé Roca, anunciou o despregue dun operativo especial de apoio na loita contra os incendios que, con especial virulencia, están a arrasar a provincia de Ourense.

Segundo explicou, a mobilización inclúe tres bombas nodrizas pesadas, catro vehículos de mando e un total de trece efectivos. Un sarxento permanece no parque de Monforte de Lemos asumindo as funcións de coordinación e servindo de enlace co Centro de Coordinación Provincial de Loita contra Incendios (Cecopi), organismo encargado de dirixir o dispositivo autonómico.

Tomé subliñou que este esforzo enmárcase na cooperación coa Xunta de Galicia, froito de contactos mantidos ao longo da semana coa Consellería do Medio Rural. “O Consorcio está á disposición do Cecopi, que determina en cada momento as necesidades. A nosa vontade é colaborar, achegando medios e persoal para combater o lume onde máis falta fai”, precisou o mandatario provincial.

Desde o martes, engadiu, activáronse diariamente efectivos, bombas nodrizas e vehículos de mando procedentes dos parques de Monforte, Chantada, Vilalba, Viveiro, Barreiros e Sarria. O venres, por exemplo, traballaron na zona tres bombas nodrizas, dous vehículos de mando e once efectivos, mentres un sarxento quedaba en base coordinando o dispositivo.

O presidente provincial quixo trasladar tamén unha mensaxe de apoio á cidadanía ourensá: “Estamos ante unha vaga de incendios devastadora, que deixa dor, perdas e destrución. A provincia de Lugo expresa toda a súa solidariedade coa veciñanza de Ourense e recoñece o esforzo titánico de bombeiros, brigadistas, UME, forzas de seguridade, voluntarios e veciños que loitan día e noite para salvar vidas e protexer o territorio”.

Así mesmo, pediu que se investiguen as causas e que se actúe con firmeza contra quen poida estar detrás dos lumes: “Se hai man do home, trátase dun acto criminal intolerable. Galicia non pode permitir a impunidade. Quen provoca un incendio forestal atenta contra a vida das persoas e contra o futuro do noso país, e debe responder ante a xustiza”.

Por último, Tomé Roca quixo enviar unha mensaxe de tranquilidade á provincia de Lugo, asegurando que os parques seguen a manter operatividade suficiente para atender calquera emerxencia local. “Seguiremos colaborando todo o tempo que sexa necesario, con responsabilidade, solidariedade e co compromiso absoluto de protexer ás persoas, ás vivendas e ao noso patrimonio natural”, concluíu.

⚙ Configurar cookies
0.1800799369812