A Deputación de Lugo mellorará seis estradas provinciais en Chantada

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo aprobou a adxudicación das obras de mellora por tramos de seis estradas provinciais no municipio de Chantada. Os traballos foron encargados á empresa Fevisa Vías y Obras e contarán cun orzamento de máis de 278.300 euros.
As actuacións inclúen a reapertura de cunetas, reparación de desperfectos e repavimentación en máis de 8 quilómetros da LU-P-1002, entre Esmoriz e o tramo final da estrada cara A Tilleira; na totalidade da LU-P-1802, que comunica Chantada co Encoro de Belesar, en medio quilómetro da LU-P-1803, na parroquia de Vilaúxe, entre Camporramiro e Castro de Carballedo; toda a LU-P-1805, entre Seixo e Esmoriz; os tres últimos quilómetros da LU-P-1806, que une Garabelos e Santa Rosa e os primeiros 100 metros da LU-P-11818, na parroquia de Pereira, entre Xedive e Vilauxe, conectando coa N-540.
O prazo previsto para a execución das obras é de tres meses desde o inicio dos traballos. Con esta intervención, a Deputación busca mellorar a seguridade viaria e a conectividade entre as parroquias do concello chantadino.